viernes, 2 de noviembre de 2018

PARABÉNS PARA A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE SOBER E A DE O SAVIÑAO!!


    Dentro do Colectivo, volvemos a ter dúas bibliotecas que cos seus proxectos foron premiadas na XIX Campaña de Animación a Lectura María Moliner organizada polo Ministerio de Educación.

   Este concurso ten por obxectivo "premiar a aquelas bibliotecas de municipios de menos de 50.000 habitantes que leven a cabo un proxecto único que inclúa accións de animación á lectura, á eficiencia e á labor bibliotecaria, á integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías" (www.mecd.gob.es).

   Acadar este galardón un ano máis e ademais consecutivamente, reflexa o bo facer de Mónica Carballo Quiroga e de Julia Fernández Garza.

PARABÉNS  COMPAÑEIRAS!!!

domingo, 21 de octubre de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA - 2018

    Por sexto ano, o noso colectivo ven de organizar un xantar de confraternidade para conmemorar o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro; no que nos reunimos persoas de todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación da nosa comarca.

    Nesta ocasión a reunión tivo lugar no Concello de Bóveda, por iso, comezamos esta xuntanza escoitando a Miriam Palmón, bibliotecaria do Concello anfitrión e a Cristina Juíz López  Concelleira de Cultura para darnos a benvida ao Colectivo e a todos os asistentes.

    Antes de xantar tamén puidemos escoitar na voz de Mónica, bibliotecaria do Saviñao, o texto co que a escritora do mesmo concello, Alicia Fernández, nos agasallou con motivo desta celebración.
http://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/alicia-fernandez-rodriguez

     E como recordo para os participantes nesta xuntanza, editamos un marcapáxinas co texto co que o ano pasado nos agasallou Ramón Sandoval, un texto que podedes ler aquí e que fala da súa relación persoal coa lectura e cos libros.
    Despois de xantar, centrámonos no V Certame Mulleres de Lemos. Unha muller para o 8 de marzo adicado a Genoveva González Prieto.

   Para isto, da man do Centro de Información á Muller, fixemos un visionado do conto baseado na súa vida escrito por Mirian Palmón Díaz e ilustrado polo alumnado dos centros de Primaria da Comarca.

    Despois desta fermosa proxección, membros do colectivo fixeron entrega dos premios correspondentes ao Certame Mulleres de Lemos:

    1º PREMIO BANDA DESEÑADA: para Samanta López Vázquez e Celine Varela Zher (quen non puido acompañarnos no xantar) pola atmosfera poética que a impregna e que a través dun debuxo, que en ocasións se achega case á abstracción, consegue ofrecer unha narrativa visual moi interesante. Trátase dun debuxo maduro no que se xoga co uso da perspectiva e dos distintos planos para lograr cambios de ritmo que conseguen acrecentar o interese e a atención pola historia.
    ACCÉSIT  BANDA  DESEÑADA para Víctor Domínguez polo gran coidado no seu acabado e presentación, así como o traballo, a limpeza das liñas e a personalidade do debuxo.
    CATEGORÍA DIVULGACIÓN para Julio González Puente polo seu traballo A escola de Genoveva no que de forma autobiográfica relata a importancia desta mestra na súa educación.


   Con esta entrega de premios damos por rematado o V Certame e adiantamos que a VI edición terá como protagonista a unha muller do Concello de Ferreira de Pantón

   O acto finalizou cunhas verbas de José Manuel Arias López, alcalde de Bóveda, concello anfitrión nesta edición.

     Desde o colectivo queremos facer os seguintes agradecementos:

- a Alicia Fernández polo seu texto,
- ao xurado do certame pola súa colaboración: Ángel Arnaiz, Ana Santiso e Marina Doutón.
- ao CIM por facer posible o obradoiro Unha muller para o 8 de marzo e o visionado do conto durante este xantar
- a Manola Porto por prestar a súa voz,
- ás autoridades que nos acompañaron e
- aos concellos participantes:  A Pobra do Brollón, Monforte, O Saviñao, Sober e especialmente ao noso anfitrión o Concello de Bóveda.

FELIZ  DÍA  DA  BIBLIOTECA!!

 
 
 
 
   
 
 

sábado, 20 de octubre de 2018

V CERTAME DE DIVULGACIÓN MULLERES DE LEMOS

   Julio González Puente foi o gañador da  modalidade de divulgación do V Certame Mulleres de Lemos deste ano.

   O seu texto autobiográfico recorda con cariño a figura da mestra Genoveva González Prieto. Mostra a súa perspectiva como alumno e fala do que as súas ensinanzas supuxeron para aquel neno.

   Podes ler este traballo seguindo o enlace:

viernes, 19 de octubre de 2018

ALICIA FERNÁNDEZ: texto agasallo para o Colectivo Lemos Le no Día da Biblioteca 2018

BRANQUEO

   Da infancia tamén lembro o cheiro a lixivia da biblioteca, como os meus pais poden recordar o turrón do que falaban outros ou o proído das frieiras.

    Para unha nena que comezaba a ler debía ser entretido sentar na madeira e ir marcando as sílabas con dedos de merenda: deixar pistas para os seguintes lectores.

    Uns xogaban á caza da lebre e outros contentabámonos só co peso dun conto no colo. Seica na vida sempre é así.

   E logo supoño que se podería falar da lixivia, do branqueo e todo o resto.

Alicia Fernández
Día da biblioteca 2018

viernes, 12 de octubre de 2018

miércoles, 3 de octubre de 2018

DÍA DA BIBLIOTECA 2018 - XANTAR DE CONFRATERNIDADE

    Para conmemorar o Día da biblioteca, desde o colectivo organizamos por sexto ano un xantar de confraternidade para reivindicar a importancia do papel das Bibliotecas como difusoras de cultura, formadoras de lectores, lugar de encontro e centros de información e recursos.

     Durante o xantar farase entrega dos premios do V Certame Mulleres de Lemos: Genoveva González Prieto. Unha muller para o 8 de marzo e presentarase a sexta edición do mesmo.

martes, 25 de septiembre de 2018

PARABÉNS ANTÓN LOPO!!

    Desde o Colectivo queremos felicitar ao autor monfortino Antón Lopo que acaba de gañar a II edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega coa súa novela Extraordinario.