Deixou dito
Vargas Llosa que o mais importante que lle pasara na vida fora aprender
a ler.
Escoitei este dito moitos anos despois de que
eu soubera ler de corrido. Isto aprendino axiña, os poucos libros que tiña
sabíaos case de memoria. O primeiro libro que tiven fora un agasallo de meu tío
e padriño Ignacio Otero, cando os Reis me deixaban xoguetes, el traíame un
libro, que segundo me dicía, deixárano na súa casa para min. O seu título era “Dungali
ricitos menudos”. Na primeira páxina, esa que adoita estar en branco,
escribiu “ Que este libriño sexa o primeiro de moitos outros que tes que ler en
toda a túa vida, teu padriño que te quere moito Ignacio”. Non lembro cantas
veces lin aquela historia do neno negro, que primeiro pasábao mal e despois remataba ben. Cheguei a sabela de memoria. Meu
padriño acertara, os poucos cartos que podía xuntar sempre ían destinados a facer mais grande a miña incipiente biblioteca.
Parte do verán case sempre o pasaba na casa de
un dos meus avós, no Fabeiro ou en Reboredo. Daquela aínda se levaba facer
as regueifas, entre os mozos de dúas
aldeas veciñas. Meu
tío Luís do Fabeiro sempre dicía “A pequena que veña con nos ”. Cando lle
tocaba a eles responder ós mozos do Mato dicíame...... veña dilles que somos mellor que a eles, e eu
inventaba algo así como: “Os rapaces do Mato falan mal dos do Fabeiro , e non saben que estes son o
mellor do mundo enteiro” . Tería eu
arredor de dez anos, e pasábao moi ben con esas lerias, aínda me facían sentir alguén importante.
Pouco
despois comecei a facer versos para que as nenas os recitaran na festa da Virxe María, en Baamorto, onde, de moi noviña, estiven de
mestra un tempo. Perdinos nos cambios de casa pero algún deles inda os sei de
memoria. Sempre pensei que alí comezara a miña andaina como poeta.
Outra frase que nunca esquecerei, foi o que escribiu José
Luís Sampedro no seu libro “Escribir es vivir” e di así “Que a escritura saia
de dentro que responda a unha necesidade interior”
Eu sempre sentín esa necesidade de escribir,
era coma si tivera algo que dicir e non tivera tempo para dicilo. A vida
levoume por outros camiños e ata que me xubilei da miña profesión, non puiden
dedicarme de cheo a escribir e a
investigación histórica a miña gran paixón, para descubrir e
contar o que ata daquela fora descoñecido, de calquera feito importante acontecido
no noso pasado.
Hoxe mentres escribía estas liñas botei unha
ollada o cuarto onde estou, as catro paredes están cheas de estantes con libros,
a mais teño outros tantos noutra estancia. Meu padriño sentiríase contento de
ver como medrou a biblioteca que empezou co seu agasallo de Nadal.
Onde me atopo mellor e cando sinto como si os libros me deran unha agarimosa aperta, e
todo meu corpo responde cun berro que di.... ¡Quérovos meus amigos non sabería
vivir sen vos!
De súpeto lembro unha frase de José Luís Borges, outro gran
escritor que di: “Un non é o que é polo que deixou escrito se non polo que ten
lido.
Margarita
R. Otero para Lemos Le, colectivo a quen
temos que agradecer o seu grande interese pola cultura.