viernes, 9 de marzo de 2018

BALBINA LÓPEZ SOMOZA. UNHA MULLER PARA O 8 DE MARZO

   Hoxe Marina Doutón, Concelleira de Igualdade de Monforte de Lemos, e o Centro de Información á Muller de Monforte de Lemos fixeron entrega de varios exemplares do libro Balbina López Somoza. Unha muller para o 8 de marzo ás Bibliotecas Públicas Municipais e ao alumnado dos centros participantes no obradoiro do mesmo nome que se levou a cabo o ano pasado como unha actividade do Certame Mulleres de Lemos para dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos. 

   Recordamos que o certame do ano pasado estivo dedicado a Balbina López Somoza, unha farmacéutica de O Saviñao do século XX, como muller pioneira da ciencia na nosa comarca.
   https://drive.google.com/file/d/0B3alieqpHILXbHpqUmJjMzZiVFE/view?usp=sharing
    Desde o Colectivo queremos agradecer a colaboración do CIM en cada convocatoria deste certame así como o traballo que leva a cabo para facer posible a publicación en papel do conto.

   Tamén queremos facer un agradecemento a Manola Porto por colaborar neste proxecto coa súa voz.

V CERTAME MULLERES DE LEMOS NA PRENSA

El Progreso, 8/03/2018
La Voz de Galicia, 9/03/2018

miércoles, 7 de marzo de 2018

CONVOCATORIA V CERTAME MULLERES DE LEMOS

CERTAME   MULLERES   DE   LEMOS 

GENOVEVA GONZÁLEZ PRIETO.  UN  HA  MULLER  PARA  O  8  DE  MARZO 

   O Colectivo Lemos Le para conmemorar o Día da Muller que se celebra o 8 de marzo; organiza por quinto ano o Certame Mulleres de Lemos coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos. 

   O Certame deste ano estará dedicado a Genoveva González Prieto unha mestra do Concello de Bóveda do século XX.  Propoñemos a esta muller polo seu compromiso coa ensinanza na Galiza rural. 

   As actividades que levaremos a cabo serán as seguintes: 

- O obradoiro “Genoveva González Prieto. Unha muller para o 8 de marzo” nos centros educativos públicos e concertados da nosa comarca. Esta actividade desenvolverase en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) de Monforte de Lemos e constará por unha banda, nun traballo de reflexión sobre a vida dunha mestra no século XX e, por outra banda, na elaboración dun libro que plasme en imaxes esta reflexión a través da súa vida. 

- V Certame Mulleres de Lemos modalidade Banda Deseñada. Para Secundaria e Bacharelato na que os participantes terán que elaborar un traballo  artístico e creativo que plasme a historia de Genoveva González (extensión mínima de 2 páxinas). 

- V Certame Mulleres de Lemos modalidade Divulgación. Esta modalidade está destinada a maiores de 18 anos que en calquera xénero literario presenten un traballo sobre a protagonista do certame (extensión de 10 a 25 páxinas a dobre espazo, tamaño de letra 12).

BASES V CERTAME MULLERES DE LEMOS: GENOVEVA GONZÁLEZ PRIETO

        O Colectivo Lemos Le formado polas Bibliotecas Públicas Municipais de A Pobra do Brollón, Bóveda, O Saviñao e Sober e as bibliotecas escolares e Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística do CEIP A Gándara, CEIP A Pobra do Brollón, Colexio Novo, CEIP Monte Baliño, CEIP Virxe do Carme, IES Daviña Rey, IES Río Cabe e IES A Pinguela; convoca a quinta edición do Certame de Divulgación Mulleres de Lemos coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos.      

    Cada ano escóllese a figura dunha muller que fora relevante na historia das nosas terras; que nacera, vivira ou morrera na comarca, ou cuxa vida estivera moi relacionada con ela. Intentarase que cada convocatoria sexa dedicada a unha muller dunha localidade diferente.   

   Este certame rexerase polas seguintes bases: 

Primeira.- O certame deste ano versará sobre a figura de Genoveva González Prieto. 

Segunda.- Establécense 2 modalidades:
a. Banda deseñada para participantes de Secundaria e Bacharelato, e
b. Traballo de divulgación en calquera xénero literario para participantes a partir de 18 anos. 

Terceira.- Poderá concorrer a este certame calquera persoa que presente o seu traballo en lingua galega. Só se poderá presentar un traballo por persoa. 

Cuarta.- Os traballos presentados ademais de seren inéditos e totalmente orixinais, non poderán ter sido publicados ou divulgados en todo ou en parte por calquera medio físico ou electrónico. Os traballos presentados deberán aterse á: 
a. Extensión mínima de 2 páxinas para Banda deseñada
b. Extensión mínima de 5 páxinas para Traballo de divulgación, en tamaño de folio DIN A4 mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12. 

Quinta.- Cada un dos traballos presentarase nunha copia en papel e nunha copia en formato dixital (tiff, jpg, doc ou pdf). Non se admitirán manuscritos do Traballo de divulgación. 

Sexta.- O prazo de presentación rematará o 15 de outubro. Os traballos serán presentados en calquera biblioteca municipal ou escolar dos centros educativos da comarca de Lemos integrados no colectivo Lemos Le. 

Sétima.- Os traballos presentaranse nun sobre pechado, identificados por un lema ou título e asinados cun pseudónimo. Noutro sobre en cuxo exterior figure o pseudónimo, incluirase unha folla co nome, apelidos e NIF, os enderezos postal e electrónico e os teléfonos de contacto da persoa autora do traballo de xeito que lle facilite á organización pórse en contacto con ela. 

    As persoas menores de idade deberán achegar a autorización dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal (ANEXO I).
    No caso de remitirse as obras por correo postal a calquera das bibliotecas indicadas na base sexta ou por e-mail á dirección do colectivo (lemosle24@gmail.com), indicarase claramente “para participar no Certame de Divulgación Mulleres de Lemos”. 

Oitava.- O xurado estará formado por 3 persoas entendidas na materia. O premio único outorgarase por maioría simple de votos. Actuará como secretario/a do xurado con voz pero sen voto unha persoa designada polo colectivo Lemos Le. 

Novena.- Calquera incidencia ocasionada pola interpretación destas bases será solucionada pola maioría simple dos membros do xurado. A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer ó longo do mes de outubro; mes da biblioteca. 

Décima.- Concederase un único premio en cada categoría, segundo o criterio do Xurado. O xurado poderá declarar deserta algunha das categorías ou nomear un accésit por categoría se a calidade dos traballos presentados fai que así o estime oportuno.

Os premios consistirán en: diploma, 1 lote de libros, 1 lote de produtos da Ribeira Sacra e unha peza de artesanía local conmemorativa do certame. 

Undécima.- A entrega do premio terá lugar nun acto público que se celebrará arredor do día 24 de outubro, Día das Bibliotecas. 

Duodécima.- As obras gañadoras quedarán en propiedade do Colectivo Lemos Le. Os orixinais non premiados poderanse recuperar con cargo ás persoas autoras concorrentes, pasados 15 días da data de entrega de premios. Os orixinais que non fosen retirados neste prazo destruiranse. 

Decimoterceira.- O Colectivo Lemos Le ten a potestade de publicar unha antoloxía coas mellores obras presentadas ó concurso, para o cal, cada participante polo mero feito de se presentar, concede autorización tácita ó colectivo para a publicación do seu orixinal. 

Decimocuarta.- A participación neste certame supón a completa aceptación das presentes bases e máis das decisións do xurado que se designe.


Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2018