jueves, 2 de noviembre de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS - Reseña El Progreso 29/10/2023

   Compartimos o artigo de prensa publicado no xornal El Progreso o domingo 29 de outubro de 2023, na sección Ribeira Sacra páxina 21.



domingo, 22 de octubre de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS - 2023

    Por noveno ano o noso colectivo volveu a organizar unha xuntanza de confraternidade para conmemorar o Día das Bibliotecas coa finalidade de fomentar o papel das nosas bibliotecas escolares e municipais.

 

    Este ano a xuntanza tivo como tema o principal o lema "Tecendo comunidades" proposto polo Ministerio de Cultura y Deporte para, como indican na súa páxina, "destacar el papel fundamental que desempeñan las bibliotecas en la construcción de lazos fuertes dentro de nuestras comunidades. Estas instituciones son centros de conexión y aprendizaje, donde las historias, las experiencias y los conocimientos son los hilos que unen a los ciudadanos."

Cartel conmemorativo a cargo de la ilustradora Nuria Riazza

 

   Para nós non podía haber un lema máis adecuado xa que a orixe do noso colectivo foi precisamente formar unha comunidade entre as bibliotecas escolares e públicas da comarca de Lemos que nos permitise apoiarnos, axudarnos, intercambiar ideas, compartir actividades e coñecementos...

   Para visibilizar esta idea ocurríusenos "tecer" un gran cartel tipo patchwork substituíndo os anacos de  tea por cadros que simbolizaran ás nosas bibliotecas ou recollesen imaxes das actividades realizadas ao longo deste tempo que traballamos xuntas e unilos todos arredor do noso logo e do propio cartel do Día das Bibliotecas.


     Ao final o noso labor quedou así de ben feitiño!

   Co traballo rematado chegou o momento do xantar no que nos unimos persoas de diferentes sectores relacionados co mundo da cultura: mestres, bibliotecarios, librarías, editores, autores, responsables políticos, periodistas... 

   Como en anteriores edicións, volvemos a contar coa colaboración de escritores e escritoras da comarca que nos agasallan cun texto co que editamos un marcapáxinas para conmemorar o Día das Bibliotecas.

    Este ano o texto foi escrito e ilustrado por Dani Viéitez e Iria Iglesias, e nel fálannos da súa historia literaria (enlace ao texto). Ademais, como tamén son ilustradores, encargáronse da ilustración e do deseño do marcapáxinas no que aparecen moitos dos protagonistas das súas obras: o raposo Rufo, Pilonga e Amanito, Pelo de Nube...



   Rematamos a conmemoración dando grazas a todas as persoas que hoxe nos quixeron acompañar así como aos respresentantes políticos de diferentes concellos da comarca que coa súa presenza axudan a recoñecer a importancia da cultura, á xornalista Manola Porto non só por estar aquí senón tamén pola difusión que fixo do noso evento e, por suposto, a Dani e Iria tanto polo seu marcapáxinas como por acompañarnos e poñerlle voz ao seu texto.



 FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!
Oxalá nunca se desfagan os nós que nos unen!!
 
 


viernes, 20 de octubre de 2023

DANI VIÉITEZ E IRIA IGLESIAS: texto agasallo para o Colectivo Lemos Le (Día das Bibliotecas 2023)

 

     Os avós de Liz pasaban todos os veráns na aldea e alí cultivaban unha pequena horta, con tomates, leitugas, pementos e patacas. En Setembro cando os avós volvían á cidade era Liz a encargada de ir recollelos e de regar as plantas.

   Un deses días reparou en que as follas das patacas estaban ateigadas de escaravellos. Era o ataque dos escaravellos das patacas! Desa horta naceu o primeiro libro de O raposo Rufo, ao que seguirían moitas máis aventuras.

  Hoxe Liz segue coidando desa horta de onde xa naceron outras historias dos gnomos e os cogomelos, fálannos de igualdade con Nuno e a súa nube ou nos desvelan os segredos do Miño.

   Xuntos seguimos regando. 

 

Dani Viéitez e Iria Iglesias

Outubro 2023



miércoles, 18 de octubre de 2023

Día da biblioteca en MÁS DE UNO Monforte (Onda Cero)

     Manola Porto, entrevista no seu programa Más de uno Monforte de Onda Cero ao noso compañeiro Antonio Vidal que é mestre bibliotecario no IES Daviña Rey, para falar sobre a celebración do Día das Bibliotecas.


  Podedes escoitar a súa entrevista no seguinte enlace a partir do minuto 37

MOITAS  GRAZAS A  ONDA  CERO  POR  FACERSE  ECO  DA  NOSA  CELEBRACIÓN!

martes, 17 de octubre de 2023

DÍA DA BIBLIOTECA 2023 NO XORNAL DE LEMOS


     O Xornal de Lemos fíxose eco no seu portal dixital da celebración do Día das Bibliotecas e da colaboración dos escritores e ilustradores Iria Iglesias e Dani Viéitez.

    Podedes ler a súa reseña no seguinte enlace.

 

DÍA DA BIBLIOTECA 2023

    Unha data importante para nós é o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro. Para conmemorala organizamos un xantar de confraternidade para todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación coa intención de reivindicar a importancia do papel das Bibliotecas como difusoras de cultura, formadoras de lectores, lugar de encontro e centros de información e recursos.

       Esta novena xuntanza celebrarase o domingo día 22 de outubro no Restaurante Terra Galega a partir das 14:30 horas, quen desexe asistir poderá recoller a súa entrada nas Bibliotecas Públicas Municipais de A Pobra de Brollon, Bóveda, Pantón, O Saviñao e Sober ou nas bibliotecas escolares do colectivo a un prezo de 28 €.

    Ademais este ano contaremos coa colaboración literaria de Iria Iglesias e Dani Viéitez que nos agasallarán cun texto para conmemorar o Día das Bibliotecas. A súa colaboración súmas á de outros autores da comarca de Lemos que participaron en pasadas edicións como Olga Novo, Manuel Viega, Lois Diéguez, Ramón Sandoval, Xabier Quiroga, Alicia Fernández, Flora Enríquz, Noa Moreira, Margarita R. Otero e Antón Lopo.