lunes, 11 de marzo de 2019

V CERTAME MULLERES DE LEMOS: ENTREGA DO CONTO E VISIONADO

    As bibliotecas escolares dos centros públicos e concertados da Comarca de Lemos, participan no Certame Mulleres de Lemos organizado polo noso colectivo coa finalidade de dar a coñecer e promover figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos.

    O V Certame Mulleres de Lemos estivo dedicado a Genoveva González Prieto  unha mestra do século XX do concello de Bóveda comprometida coa ensinanza na Galiza rural.

     Unha das actividades deste certame é o obradoiro que se desenvolve en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) de Monforte de Lemos e que consta nun traballo de reflexión sobre a vida desta mestra e a época á que pertence; e a posterior elaboración dun libro coas ilustracións feitas por alumnos de todos os centros públicos e concertados da Comarca de Lemos.

   Hoxe o Centro de Información á Muller de Monforte de Lemos fixo entrega de varios exemplares do libro resultante Genoveva González Prieto. Unha muller para o 8 de marzo ás Bibliotecas Públicas Municipais e ao alumnado dos centros participantes no obradoiro
 
    Ademais de recoller o libro, puidemos ver a proxección do conto coa voz en off da xornalista Manola Porto.
  
    Desde o Colectivo queremos agradecer a colaboración do CIM en cada convocatoria deste certame así como o traballo que leva a cabo para facer posible a publicación en papel do conto.

   Tamén queremos facer un agradecemento a Manola Porto por colaborar neste proxecto coa súa voz.

viernes, 8 de marzo de 2019

VI CERTAME MULLERES DE LEMOS. INÉS FERNÁNDEZ. ABADESA DE EIRÉ.

O Colectivo Lemos Le para conmemorar o Día da Muller que se celebra o 8 de marzo; organiza por sexto ano o Certame Mulleres de Lemos coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos.
O Certame deste ano estará dedicado a unha muller do Concello de Pantón: Inés Fernández, abadesa de Eiré no século XV. Propoñemos a esta muller como representante do poder das mulleres nos conventos de Galicia na época medieval xa que incluso chegou a enfrontarse ás normas ditadas polos Reis Católicos.
 
As actividades que levaremos a cabo serán as seguintes:
  • O obradoiro “Inés Fernández. Abadesa de Eiré. Unha muller para o 8 de marzo” nos centros educativos públicos e concertados da nosa comarca. Esta actividade desenvolverase en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) de Monforte de Lemos e constará por unha banda, nun traballo de reflexión sobre a súa vida e, por outra banda, na elaboración dun libro que plasme en imaxes esta reflexión.
  • VI Certame Mulleres de Lemos modalidade Banda Deseñada. Para Secundaria e Bacharelato na que os participantes terán que elaborar un traballo artístico e creativo que plasme a historia de Inés Fernández (extensión mínima: 2 páxinas).
  • VI Certame Mulleres de Lemos modalidade Divulgación. Esta modalidade está destinada a maiores de 18 anos que en calquera xénero literario presenten un traballo sobre a protagonista do certame (extensión de 10 a 25 páxinas a dobre espazo, tamaño de letra 12).