O Servizo do Sistema de Bibliotecas, dependente da Secretaría Xeral de
Cultura, organizou a
III Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia 2021 o
25 de outubro, na Cidade da Cultura de
Santiago de Compostela.
Baixo o lema Biblioteca Social, trataron o papel das bibliotecas para a integración e cohesión social, especialmente en tres vertentes: a integración de persoas ou colectivos con especiais dificultades, o fomento das relacións interxeracionais e a participación cidadá.
Mónica Carballo, a nosa compañeira bibliotecaria da BPM de O Saviñao, participou na Mesa de Experiencias A biblioteca participativa e aberta a todas as idades.
Podedes ver a súa intervención a partir do minuto 1:33 na que fala de actividades realizadas na súa biblioteca e de actividades do noso Colectivo.
ODía da Bibliotecaé unha data importante para o noso colectivo;
unha data na que aproveitabamos para reunirnos e compartir mesa e mantel con outras persoas que nos acompañaban nesta xuntanza: representantes políticos, xornalistas, escritores, investigadores...
Por segundo ano non puidemos compartir ese bocadiño pero isto non impediu que seguísemos con algunhas das actividades que se viñan facendo como a edición dun punto de lectura cun texto agasallo para o Colectivo dun autor/a da nosa comarca.
Nesta ocasión o texto chegou da man da escritora Noa Moreira do Concello de A Pobra do Brollónque publicou en 2019 o seu primeiro libroMeteoro imantado.
"Cando ía facer seis anos chegou ao Cole da Pobra un director novo. Paco Castro abriunos a biblioteca do centro a tódolos nenos e nenas coma unha fiestra a outro mundo.
Recordo perfectamente que o primeiro libro que lin falaba de bonecas matrioskas que querían unha familia. E na miña memoria quedou prendido que a última boneca se chamaba Noa, a máis pequeniña, pero non era así. Seguramente soñaba con ser tamén eu unha boneca de madeira rusa.
Máis tarde, viaxei á lúa con Sabela, da man do libro A fantástica viaxe de Sabela, de Euloxio R. Ruibal, un agasallo do colexio por un conto que escribín. Fascinada é pouco con tódalos seres que habitaban un lugar que me parecía tan lonxano e tan cercano á vez e que me gustou e me deu medo ao mesmo tempo dende que era pouco máis ca un bebé.
Recordo estes dous libros como algo especial: ensináronme que os libros conteñen tódolos lugares nos que quero estar, tódalas cousas que quero saber e tódolas palabras que aínda non coñezo".
Ademais do punto de lectura que editamos con este texto e que se repartiu entre todxs xs lectores das nosas biblios, a autora respondeu ás preguntas que lle formularon usuarios de diferentes bibliotecas do colectivo tanto públicas como escolares. No seguinte vídeo editado por Úrsula, responsable de comunicación do concello de A Pobra do Brollón, podedes ver esta entrevista e así coñecer un pouco máis a Noa.
Desde o Colectivo so nos queda agradecerlle a Noa o seu agasallo e, por suposto, a súa colaboración con esta conmemoración.
Para conmemorar o Día das Escritoras, as bibliotecas que formamos o colectivo decidimos dedicar este día á escritora da nosa comarca María Olga Novo Presas (Vilarmao, 1975) pola súa importante traxectoria literaria.
Este ano a comisaria da conmemoración é a poeta e filósofa Marifé Santiago Bolaños e o tema escollido "ler as idades da vida", por isto as diferentes bibliotecas afondamos no seu texto O pequeno petrucio e a naiciña nena no que comparte lembranzas da infancia.
Cada biblioteca traballou o texto durante varios días desde perspectivas diferentes: lectura, tradución, ilustración, investigación... e agora podedes ver o resultado de todos os traballos a continuación.