sábado, 24 de octubre de 2026

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2026

    Para conmemorar o Día das Bibliotecas, que se celebra cada 24 de outubro, desde o Colectivo Lemos Le quixemos volver a reunir persoas vinculadas á cultura, á lectura e á educación da nosa comarca nunha nova xuntanza de confraternidade.

 

   Esta duodécima edición celebrouse en O Saviñao, baixo o lema proposto este ano polo Ministerio de Cultura, «Sen profesionais, non hai bibliotecas», unha chamada de atención sobre a importancia das persoas que traballan cada día para facer das bibliotecas espazos de coñecemento, convivencia, aprendizaxe e acceso á cultura.

 

   No xantar reunímonos mestres, bibliotecarios, libreiros, editores, autores, representantes institucionais e outras persoas comprometidas co mundo do libro e da lectura. Ademais de compartir unha agradable xornada, este encontro permitiunos intercambiar experiencias, estreitar lazos e seguir pensando en novas iniciativas para fomentar a lectura e apoiar as bibliotecas da nosa comarca.



    Ao remate da comida, Mónica Carballo, bibliotecaria da Biblioteca Pública Municipal de O Saviñao e representante do Colectivo, tomou a palabra para agradecer a presenza de todas as persoas asistentes e ler "GALOPE" o poema co que nos agasallou este ano Susana Villaverde galardoada co premio do Certame de Microteatro de Memoria Histórica pola obra Espigas negras baseada na revolta de mulleres que tivo lugar en O Saviñao en 1946 na defensa do gran de centeo que precisaban para dar de comer ás súas familias, así como a súa relación coa loita guerrilleira e a resistencia ante o réxime e os abusos da Garda Civil.

     A xornada volveu demostrar que as bibliotecas son moito máis ca lugares onde se gardan libros: son espazos vivos que conectan persoas, acompañan a aprendizaxe, promoven a igualdade de oportunidades e contribúen ao desenvolvemento cultural e social da nosa contorna. E detrás de todo ese labor están os profesionais que, co seu traballo e compromiso, fan posible que as bibliotecas sigan abertas á cidadanía.

 
 
 

   Desde o Colectivo Lemos Le queremos agradecer a todas as persoas que nos acompañastes nesta nova xuntanza e que compartides connosco a ilusión de seguir traballando a prol dos libros, da lectura e das bibliotecas.

MOITAS GRAZAS!

FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

martes, 20 de octubre de 2026

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2026 na prensa

Xornal de Lemos, 19/10/2026

 
En Común, 20/10/2026

 

Mlibr.es, 19/10/2026

 

 

 

Día da biblioteca en MÁS DE UNO Monforte (Onda Cero)

      A xornalista Manola Porto entrevistou no seu programa Más de uno Monforte de Onda Cero á nosa compañeira Mónica Carballo, bibliotecaria da Biblioteca Pública Municipal de O Saviñao para falar da xuntanza de confraternidade que o Colectivo organiza o Día das Bibliotecas.

 

     Podedes escoitar a súa entrevista no seguinte enlace a partir do minuto 1:09:50.


     MOITAS  GRAZAS A  ONDA  CERO  E  A  MANOLA  PORTO  POR  FACERSE  ECO  DA  NOSA  CELEBRACIÓN!

 

SUSANA VILLAVERDE: Texto agasallo para o Colectivo Lemos Le (Día das Bibliotecas 2026)

galope 

a mesa amarela da cociña

os meus catro anos e esta lingua afiada viperina

coitela que se abre camiño no papel

nas salivas

un potro acabado de nacer

e a impaciencia da nai desta cativa

 

aprendín a ler coa voz erguida

ao paso

             ao trote

                          ao galope

porque na gorxa persistía unha ferida

un choro de primeira respiración

dalgunha outra xeración

que non tiña o privilexio

de pararse a ler

na mesa da cociña.

                                               Susana Villaverde

                                               Día das Bibliotecas 2026 

martes, 13 de octubre de 2026

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2026

    Unha data importante para nós como colectivo é o DÍA  DAS  BIBLIOTECAS que se celebra o 24 de outubro. Para conmemorala organizaremos o XII Xantar de Confraternidade para todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación baixo o lema deste ano: "Sen profesionais, non hai bibliotecas" para resaltar o papel das persoas que fan posible que as bibliotecas sexan moito máis que un simple conxunto de recursos, estanterías e espazos.


  Esta décimo segunda xuntanza celebrarase o sábado día 24 de outubro no Restaurante Tres Portas (O Saviñao) a partir das 14:00 horas. Quen desexe asistir poderá anotarse nas Bibliotecas Públicas Municipais ou Escolares do Colectivo a un prezo de 40 €. 


    Ademais este ano contaremos coa colaboración literaria de Susana Villaverde galardoada co premio do Certame de Microteatro de Memoria Histórica - impulsado pola Deputación de Pontevedra e pola ESAD - pola obra Espigas negras baseada na revolta de mulleres que tivo lugar en O Saviñao en 1946 na defensa do gran de centeo que precisaban para dar de comer ás súas familias, así como a súa relación coa loita guerrilleira e a resistencia ante o réxime e os abusos da Garda Civil.

   A súa colaboración súmase á doutros autores da comarca de Lemos que participaron en pasadas edicións como Moncha Prieto, Dani Viéitez e Iria Iglesias, Olga Novo, Manuel Veiga, Lois Diéguez, Ramón Sandoval, Xabier Quiroga, Alicia Fernández, Flora enríquez, Noa Moreira, Margarita R. Otero, Antón Lopo ou o Colectivo Erre que Erre. Regueifa Rabuda.