sábado, 24 de octubre de 2026

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2026

    Para conmemorar o Día das Bibliotecas, que se celebra cada 24 de outubro, desde o Colectivo Lemos Le quixemos volver a reunir persoas vinculadas á cultura, á lectura e á educación da nosa comarca nunha nova xuntanza de confraternidade.

 

   Esta duodécima edición celebrouse en O Saviñao, baixo o lema proposto este ano polo Ministerio de Cultura, «Sen profesionais, non hai bibliotecas», unha chamada de atención sobre a importancia das persoas que traballan cada día para facer das bibliotecas espazos de coñecemento, convivencia, aprendizaxe e acceso á cultura.

 

   No xantar reunímonos mestres, bibliotecarios, libreiros, editores, autores, representantes institucionais e outras persoas comprometidas co mundo do libro e da lectura. Ademais de compartir unha agradable xornada, este encontro permitiunos intercambiar experiencias, estreitar lazos e seguir pensando en novas iniciativas para fomentar a lectura e apoiar as bibliotecas da nosa comarca.



    Ao remate da comida, Mónica Carballo, bibliotecaria da Biblioteca Pública Municipal de O Saviñao e representante do Colectivo, tomou a palabra para agradecer a presenza de todas as persoas asistentes e ler "GALOPE" o poema co que nos agasallou este ano Susana Villaverde galardoada co premio do Certame de Microteatro de Memoria Histórica pola obra Espigas negras baseada na revolta de mulleres que tivo lugar en O Saviñao en 1946 na defensa do gran de centeo que precisaban para dar de comer ás súas familias, así como a súa relación coa loita guerrilleira e a resistencia ante o réxime e os abusos da Garda Civil.

     A xornada volveu demostrar que as bibliotecas son moito máis ca lugares onde se gardan libros: son espazos vivos que conectan persoas, acompañan a aprendizaxe, promoven a igualdade de oportunidades e contribúen ao desenvolvemento cultural e social da nosa contorna. E detrás de todo ese labor están os profesionais que, co seu traballo e compromiso, fan posible que as bibliotecas sigan abertas á cidadanía.

 
 
 

   Desde o Colectivo Lemos Le queremos agradecer a todas as persoas que nos acompañastes nesta nova xuntanza e que compartides connosco a ilusión de seguir traballando a prol dos libros, da lectura e das bibliotecas.

MOITAS GRAZAS!

FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

martes, 20 de octubre de 2026

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2026 na prensa

Xornal de Lemos, 19/10/2026

 
En Común, 20/10/2026

 

Mlibr.es, 19/10/2026

 

 

 

Día da biblioteca en MÁS DE UNO Monforte (Onda Cero)

      A xornalista Manola Porto entrevistou no seu programa Más de uno Monforte de Onda Cero á nosa compañeira Mónica Carballo, bibliotecaria da Biblioteca Pública Municipal de O Saviñao para falar da xuntanza de confraternidade que o Colectivo organiza o Día das Bibliotecas.

 

     Podedes escoitar a súa entrevista no seguinte enlace a partir do minuto 1:09:50.


     MOITAS  GRAZAS A  ONDA  CERO  E  A  MANOLA  PORTO  POR  FACERSE  ECO  DA  NOSA  CELEBRACIÓN!

 

SUSANA VILLAVERDE: Texto agasallo para o Colectivo Lemos Le (Día das Bibliotecas 2026)

galope 

a mesa amarela da cociña

os meus catro anos e esta lingua afiada viperina

coitela que se abre camiño no papel

nas salivas

un potro acabado de nacer

e a impaciencia da nai desta cativa

 

aprendín a ler coa voz erguida

ao paso

             ao trote

                          ao galope

porque na gorxa persistía unha ferida

un choro de primeira respiración

dalgunha outra xeración

que non tiña o privilexio

de pararse a ler

na mesa da cociña.

                                               Susana Villaverde

                                               Día das Bibliotecas 2026 

martes, 13 de octubre de 2026

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2026

    Unha data importante para nós como colectivo é o DÍA  DAS  BIBLIOTECAS que se celebra o 24 de outubro. Para conmemorala organizaremos o XII Xantar de Confraternidade para todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación baixo o lema deste ano: "Sen profesionais, non hai bibliotecas" para resaltar o papel das persoas que fan posible que as bibliotecas sexan moito máis que un simple conxunto de recursos, estanterías e espazos.


  Esta décimo segunda xuntanza celebrarase o sábado día 24 de outubro no Restaurante Tres Portas (O Saviñao) a partir das 14:00 horas. Quen desexe asistir poderá anotarse nas Bibliotecas Públicas Municipais ou Escolares do Colectivo a un prezo de 40 €. 


    Ademais este ano contaremos coa colaboración literaria de Susana Villaverde galardoada co premio do Certame de Microteatro de Memoria Histórica - impulsado pola Deputación de Pontevedra e pola ESAD - pola obra Espigas negras baseada na revolta de mulleres que tivo lugar en O Saviñao en 1946 na defensa do gran de centeo que precisaban para dar de comer ás súas familias, así como a súa relación coa loita guerrilleira e a resistencia ante o réxime e os abusos da Garda Civil.

   A súa colaboración súmase á doutros autores da comarca de Lemos que participaron en pasadas edicións como Moncha Prieto, Dani Viéitez e Iria Iglesias, Olga Novo, Manuel Veiga, Lois Diéguez, Ramón Sandoval, Xabier Quiroga, Alicia Fernández, Flora enríquez, Noa Moreira, Margarita R. Otero, Antón Lopo ou o Colectivo Erre que Erre. Regueifa Rabuda.

viernes, 21 de agosto de 2026

FEIRA DO LIBRO DE MONFORTE

 



   LEMBRADE que a FEIRA  DO  LIBRO  DE  MONFORTE celebrarase do 26 ao 29 de agosto de 2026, cun extenso programa que incluirá presentacións de libros, firmas de autores, espectáculos teatrais e de conta contos, actividades familiares... 

   Ademais das casetas de librerías onde os visitantes poderán coñecer a numerosos escritores e adquirir as súas obras. 

                    PROGRAMA  COMPLETO  DE  ACTIVIDADES

viernes, 15 de mayo de 2026

I ROMARÍA DAS LETRAS GALEGAS

   O día 15 de maio celebramos en Sober a I Romaría das Letras organizada polo noso Colectivo LEMOSLE, que como sabedes, está formado por bibliotecas escolares da Comarca, BPM, librarías e persoas vencelladas ao ámbito da lectura da comarca de Lemos. 
 

    Nesta xornada de convivencia participaron 8 centros educativos de Primaria (CEIP Pobra de Brollón, CEIP A Gándara, CEIP Plurilingüe de Monforte, CEIP de Oural, CEIP de Sober, CEIP Rosalía de Castro de Bóveda e CEIP Monte Baliño de Pantón) o IES Daviña Rey de Monforte de Lemos e usuarias da Biblioteca Pública Municipal do noso Concello xuntándose así máis de 300 personas no colexio de Sober xa que o mal tempo decidiu ser partícipe tamén desta xornada e non nos deixou celebrala na carballeira ao aire libre como estaba previsto.
 

   Durante o acto principal os diferentes colexios fixeron propostas moi diversas para conmemorar a nosa lingua e a Begoña Caamaño: regueifas, maios, cancións tradicionais, poesía, obradoiros, murais... e todo isto amenizado por un grupo de música tradicional formado por alumnado do IES Daviña Rey que terminou de darlle o toque festeiro a esta xuntanza.


   
     Ao rematar o IES Daviña Rey repartiu chapas conmemorativas para todos os asistentes e fixemos unhas fotos cun fotocall dedicado á obra de Begoña Caamaño.

    A xornada finalizou cun xantar de confraternidade no pavillón do CEIP P. Virxe do Carme durante o que o alumnado do CEIP Monforte de Lemos, organizou o obradoiro sementando palabras no que os nenos e as nenas podían escribir a súa palabra favorita en galego.




 
 
OXALÁ  ESTA  SEXA  A  PRIMEIRA  DE  MOITAS  EDICIÓNS  PORQUE  A  LINGUA  GALEGA  MEDRA  CANDO  A  COMPARTIMOS,  CANDO  A  CELEBRAMOS  E  CANDO  A  VIVIMOS  XUNTOS!!
 
FELIZ  DÍA  DAS  LETRAS  GALEGAS!!