O Día das Escritoras é unha iniciativa organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas (asociación para a igualdade de mulleres e homes na Cultura) para reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
Neste ano 2025, desde o Colectivo Lemos Le queremos conmemorar esta data arredor da escritora soberina Moncha Prieto.
Para que a coñezades un pouco, compartimos a continuación a biografía que se publica na súa obra Alma de barro. Relatos da Ribeira Sacra:
Moncha naceu en Gundivós (Sober) e viviu en Barcelona dende os quince anos até 1995, cando regresa definitivamente a Galicia.
Foi secretaria do Centro Galego de Barcelona e colaborou con diversas asociacións e revistas literarias como Alborada ou Lúa Nova. Participou nos libros colectivos Voz e Voto, de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, e Vivir en presente.
De 1985 a 1995 dedicouse ao mundo da radio: puxo en antena o programa Galicia máis cerca e foi compoñente do magazine matinal Bonico en Radio Gramener. Neste eido potenciou o nacemento e presidiu ERGAC (Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya); foi correspondente de Radio Progreso de Miami, sección noticias; e participou en Radio Exterior da Radio Galega.
No ámbito literario, conseguir varios premios de poesía, de relato e de escritura creativa. Alma de barro. Relatos da Ribeira Sacra é a súa primeira obra en Xerais.
Proximamente publicaremos as diferentes actividades que estamos realizando nas bibliotecas escolares e municipais integrantes do colectivo para dar a coñecer a súa obra.