jueves, 29 de octubre de 2015

AMIGOS DEL LIBRO INFANTIL Y JUVENIL

    A páxina web da asociación Amigos del libro infantil y juvenil, reflectiu no seu apartado Eventos día de la biblioteca, a cea conmemorativa que celebrou o noso colectivo.

    Premendo na imaxe, accederás ao artigo publicado

http://www.amigosdelibro.com/eventos-dia-de-la-biblioteca/item/710-cea-conmemorativa-do-dia-das-bibliotecas-2015


lunes, 26 de octubre de 2015

CONMEMORACIÓN DÍA DA BIBLIOTECA: 2015


    
   Por terceiro ano o noso colectivo celebrou unha cea para conmemorar o Día da Biblioteca; na que nos reunimos arredor de 50 persoas.

 

   Para esta conmemoración editamos uns marcapáxinas co texto que Olga Novo nos adicou o ano pasado:


   Durante o acto fíxose entrega dos premios do II CERTAME MULLERES DE LEMOS: MARÍA CASTAÑA. UNHA MULLER PARA O 8 DE MARZO.

    A entrega de premios foi feita polas autoridades alí presentes: Ricardo Rodicio (Concello de A Pobra do Brollón),  Luis Fernández (Concello de Sober) e Marina Doutón (Concello de Monforte de Lemos)

    Os premios desta edición foron para:

- 1º Premio divulgación: Xurxo Ayán (ao non poder asistir ao acto, recolleu o premio o seu tío)
 
- 1º Premio Banda Deseñada: Sara Rodríguez Barrientos (IES Daviña Rey)

- Accésit Banda Deseñada: Víctor Domínguez Fernández (IES Daviña Rey)



   Ademais, puidemos visionar o conto María Castaña. Unha muller para o 8 de marzo, elaborado polo CIM a partir dos traballos feitos polos alumnos e alumnas dos centros de Educación Primaria da Comarca; con voz en off da xornalista Manola Porto.
    
    Tamén contamos nesta cea coa presenza de Xabier Quiroga, que nos agasallou coa lectura do seu texto: A miña biblioteca, a miña casa.

    Ao remate do acto foi presentada a III EDICIÓN DO CERTAME MULLERES DE LEMOS, adicado neste ano a Lola de Penelas, unha oleira da terra de Gundivós no concello de Sober.
    Para finalizar, desde o Colectivo queremos facer os seguintes agradecementos:
- Ao CIM pola súa colaboración no desenvolvemento dos obradoiros Mulleres de Lemos e o seu traballo para facer posible o visionado do conto de María Castaña durante a cea.

- Aos autores  Olga Novo e Xabier Quiroga polos sus textos.

- Ao xurado do Certame: Manola Porto, Humberto Loureiro e Ángel Arnaiz.

- Ás entidades colaboradoras: Librería Agrasar, Imprenta Fénix, Chuzos e o Consorcio de Turismo.

- Ás autoridades que nos acompañaron representando aos concellos participantes: Sober, Monforte, Saviñao, Bóveda e especialmente ao concello anfitrión A Pobra do Brollón ao que lle estamos moi agradecidos así como á súa Concelleira de eventos Mónica que tanto colaborou con nós na organización deste acto.

- Non queremos esquecer tampouco a Pilar Sampedro, Asesora de Bibliotecas Escolares de Galicia que nos honrou coa súa presenza e nos adicou unhas verbas animándonos a seguir con esta tarefa de divulgación e fomento da lectura.

sábado, 24 de octubre de 2015

miércoles, 21 de octubre de 2015

MARÍA CASTAÑA NA PRENSA

    No seguinte enlace pódese ler o artigo que o xornal La Voz de Galicia publica hoxe (21-10-2015) sobre o II Certame de Divulgación Mulleres de Lemos adicado a María Castaña e a celebración do Día da Biblioteca.
 
 

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2015/10/21/verdadeira-historia-maria-castana-mito-nado-cereixa/0003_201510M21C4991.htm

viernes, 16 de octubre de 2015

CONVOCATORIA DE REUNIÓN: 19/11/2015

LUGAR: IES Daviña Rey

HORA: 20:30

ORDE DO DÍA:

1) Día da Biblioteca: pago dos marcapaxinas
3) Recomendacións letoras de Nadal
5) Rogos e preguntas

miércoles, 14 de octubre de 2015

XABIER QUIROGA: A MIÑA BIBLIOTECA, A MIÑA CASA




A miña biblioteca, miña casa.

Na casa de aldea onde nacemos meu irmao e mais eu non había libros. Moito menos biblioteca. Pero esa casa empezou a arder aos 19 días e, co apuro e para salvar o que importa, botáronnos por unha xanela, porque cos toxos secos que estraran meus tíos nas cortes xa se sabe, cando planta o lume neles non agarda a que saias pola porta.

A casa á que nos levaron, de quitado algún misal de atrasada realidade, tampouco tiña libros. Pero detrás do mesado de azulexo da cociña de labregos, alí, ao quente, meu irmao e mais eu escoitamos as primeiras historias que contaban vellos moi vellos que sabían o que sabe a idade das cousas que pasan. Mentres comían do que había e bebían viño novo, falaban de lobos e de aparecidos, de amores e de vinganzas, da vida e do que esta carreta. Non había libros, pero si a palabra.
Esa foi a segunda.

A terceira casa á que nos levaron, tan pouca cousa ela como a estreiteza dunha posguerra sen consolo, refuxiábase nun arrabaldo de vila que quería ser e non daba. Alí empezamos a correr polos carreiros e atallar polas carballeiras, a perdernos coas recuas de nenos e nenas enzoufados de lama que procuran sen desmaio o que ninguén perdeu. Pero a casa en si era un desastriño, non tiña de nada, así que tampouco ninguén agardaba que nela houbese libros.

Na cuarta casa á que nos levaron, feita de novo e coas maos da familia e o esforzo de moitos, miña nai quixo deixar, iso si, un estante baleiro, como para enchelo algún día de tarecos decorativos. Debo dicir que desde esa casa víanse, aínda se ven, as bretemosas terras de Lemos e a torre do seu castelo como aboiando no gris.

Pasou algún ano e, sendo eu rapazolo e no da Celia do Cubano, un ultramarinos vello que axiña deu en tenda e precedeu a un super que logo e se o deixasen seguramente acabaría de hiper ou centro comercial á americana, apareceu como por encanto un expositor deses de varillas metálicas que xiran desde un eixo vertical e que tiña algo que, como a chispa acende na palla seca, acendeu o meu maxín: libros. Novelas, mellor dito.

Así que alí, onde antes meu irmao e mais eu mercabamos os churruscos coas escasas pesetas que, sen saber como, lograba xuntar un cativo no peto, a vida deu un chouto e engaioloume.

Era eu rapaz inocente e indeciso e lembro que pasei moitas horas de varios días como pasmado diante dese expositor ao que lle daba voltas e máis voltas para escoller un único libro. O primeiro. E sería naquela desaparecida colección Reno de novelas baratas e autores tan descoñecidos que eu imaxinaba doutra galaxia onde descubrín o engado.

Nesa colección e nesa tenda que axiña pechou merquei eu o meu primeiro libro, certo. Pero logo de lelo, de devoralo, como o pirata que quere agochar o seu tesouro, coloqueino naquel estante da casa que miña nai deixara baleiro. Ese foi o primeiro. Logo virían máis, todos os que puidemos. E desde alí, vendo as terras de Lemos, meu irmao e mais eu lemos. Lemos mirando Lemos nesa nosa primeira biblioteca. E coa biblioteca que inciamos e que se iría enchendo aos poucos, a casa pareceu máis casa e o maxín puido voar sen remedio.

Logo virían viaxes cara a outros lugares, outras casas con outras xentes e outras bibliotecas con moitos libros, pero nese andel onde colocamos o primeiro libro, nesa casa onde lemos esa primeria novela e nesa cativa biblioteca que fomos completando como se completa un álbun de cromos na infancia, temos claro que aniña parte de nós.

Por iso agora, moitos anos despois, e aínda sabendo como sei que non é o lugar senón a persoa o que verdadeiramente importa, cando entro nunha biblioteca e me perdo co maxín nas páxinas de calquera libro, sei que estou na miña casa.


Xabier Quiroga   outono 2015



Agradecemos a Xabier Quiroga este texto
agasallo para o Colectivo Lemos Le no Día da Biblioteca - 2015

DÍA DA BIBLIOTECA 2015


Para conmemorar o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro; organizamos por terceiro ano unha cea de confraternidade para todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación.

A cea celebrarase o día 24 de outubro no Restaurante As Viñas de A Pobra do Brollón, para asistir deberá recoller a súa entrada nas Bibliotecas Públicas Municipais de A Pobra do Brollón, Bóveda, Saviñao, Sober; no IES Daviña Rey ou no propio restaurante ata o día 23 de outubro incluído a un prezo de 20 €

Con este acto queremos reivindicar a importancia do papel das Bibliotecas como difusoras de cultura, formadoras de lectores, lugar de encontro e centros de información e recursos.

Durante a mesma farase entrega dos premios do II Certame de Divulgación Mulleres de Lemos: María Castaña correspondentes aos seguintes participantes:
  • 1º Premio divulgación: Xurxo Ayán
  • 1º Premio banda deseñada: Sara Rodríguez Barrientos (IES Daviña Rey)
  • Accésit categoría banda deseñada: Víctor Domínguez Fernández (IES Daviña Rey)

Tamén organizamos un Roteiro polas terras de María Castaña que se realizará o domingo día 25 pola mañá guiado de xeito altruísta polo historiador e gañador do certame Xurxo Ayán. A saída será ás 10:00 horas do cruce de Cereixa.

Ademais convocarase oficialmente a III Edición do Certame de Divulgación Mulleres de Lemos dedicada este ano á figura de Lola de Penelas: unha muller oleira.

Desde o colectivo queremos facer os seguintes agradecementos:
  • Ao CIM (Centro de Información á Muller) polo desenvolvemento dos obradoiros María Castaña: Unha muller para o 8 de marzo; e a tramitación da publicación do libro do mesmo título elaborado polos nenos dos centros da comarca.
  • A Xabier Quiroga, autor de O Saviñao que este ano nos agasallou cun texto para conmemorar o Día da Biblioteca.
  • A Xurxo Ayán que guiará o Roteiro polas terras de María Castaña
  • Ao xurado que desinteresadamente colaborou neste certame:  
    - Ángel Arnaiz González
    - Manola Porto Arias
    - Humberto Loureiro Argullós

viernes, 9 de octubre de 2015

CONVOCATORIA DE REUNIÓN: 14/10/2015

LUGAR: IES Daviña Rey

HORA: 20:30

ORDE DO DÍA:

1) Día da Biblioteca: aspectos organizativos
2) Exposición dos traballos premiados.
4) Nota de prensa: horarios, agradecementos, premiados...
5) Rogos e preguntas