domingo, 27 de octubre de 2019

DÍA DA BIBLIOTECA 2019

   Para conmemorar o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro; o noso colectivo ven de organizar unha cea de confraternidade na que nos reunimos persoas de todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación da nosa comarca.

    Este ano a reunión tivo lugar no Concello de Ferreira de Pantón, e comezou cunha visita guiada ao Mosteiro de San Miguel de Eiré da man de Flora Enríquez; coa idea de achegarnos máis á muller á que se lle dedicaba este ano o Certame Mulleres de Lemos: Inés Fernández, abadesa de Eiré.
 


  Despois da visita, a xuntanza continuou na Rectoral de Castillón onde Cristina Domínguez Vázquez, Concelleira de Cultura deste concello, e Antón Vidal, representante do Colectivo, nos deron a benvida a todos os asistentes.
    Antes de cear tamén puidemos escoitar na voz de Flora Enríquez, o texto co que nos agasallou con motivo desta celebración. Un texto moi emotivo sobre o seu achegamento á biblioteca cando era pequena con especial mención a Milagritos, a bibliotecaria. (Enlace ao texto)
 

    Os participantes nesta xuntanza, levaron como recordo un marcapáxinas con este texto e outro co que o ano pasado nos agasallou Alicia Fernández.
 

    Despois de cear, centrámonos no VI Certame Mulleres de Lemos. Unha muller para o 8 de marzo adicado, como xa dixemos, a Inés Fernández, abadesa de Eiré.

   Para isto, da man do Centro de Información á Muller, fixemos un visionado do conto baseado na súa vida escrito por Francisco Javier González Díaz e ilustrado polo alumnado dos centros de Primaria da Comarca
 
  Despois desta fermosa proxección, membros do colectivo fixeron entrega dos premios correspondentes ao Certame Mulleres de Lemos:

1º PREMIO BANDA DESEÑADA

 Sara Rodríguez e Alicia Soto
 

ACCÉSITS BANDA DESEÑADA: 
Ximena  López
 

Zeltia Pérez, Claudia Pérez e Ari Valdés

1º PREMIO DIVULGACIÓN

Eugenia Sanmartín pola canción "Inés no penedo" que interpretou en directo

    O acto finalizou coa actuación desta cantante de fados que amenizou a velada e coa xa tradicional sesión de fotos que conmemora este día na que se representaba ás tres monxas que quedaron no convento e a Don Diego de Muros.

     Desde o colectivo queremos facer os seguintes agradecementos:
- as autoridades que nos acompañaron,
- a Flora Enríquez polo seu texto,
- a Francisco Javier González Díaz polo traballo de documentación sobre Inés Fernández, polo texto do conto e pola organización deste evento,
- ao xurado do certame pola súa colaboración: Anabel Álvarez, Anxo Rigueira e José Luis Ramos,
- ao CIM por facer posible o obradoiro Unha muller para o 8 de marzo e o visionado do conto durante este xantar,
- a Manola Porto por prestar a súa voz,
- ás entidades colaboradoras Panadería Tarrazo, adega Finca Míllara, Oca Augasantas, a Deputación de Lugo, Imprenta Chuzos, Librería Agrasar e Imprenta Fénix e as Concellos que tamén colaboraron: A Pobra do Brollón, Monforte, O Saviñao, Sober, Bóveda e especialmente ao noso anfitrión o Concello de Ferreira de Pantón.

jueves, 24 de octubre de 2019

FLORA ENRÍQUEZ: texto agasallo para o Colectivo Lemos Le no Día da Biblioteca 2019


MILAGRITOS

         Tiven o privilexio de nacer nunha vila que tiña biblioteca. Unha tarde da primavera de hai máis de cincuenta anos, o meu avó levoume a coñecela. Estaba situada  nun pazo no centro da parte máis vella da vila. Mira, dicía o meu avó, este é un edificio importante, é un pazo, ten máis de douscentos anos. A coñecida como a  Casa do Castro  era tan grande que, ademais da biblioteca, alí estaban o xulgado, as oficinas municipais e a nosa escola, a escola de nenas, e tamén acollía unha vivenda particular.

No traxecto dende a nosa casa, o meu avó non paraba de lembrarme que nas bibliotecas non se falaba, nin se cantaba, nin se podía saltar polas mesas. É coma na igrexa? Imos a unha misa?, preguntaba eu con certo temor. Non, pero hai que portarse ben

Subimos por unha escaleira que, co tempo, decateime de que era dunha gran suntuosidade, propia dunha casa fidalga, pero daquela apenas reparei nela. Eu  seguía coa   teima de que tiña que estar calada, moi caladiña. Case tiña medo!

Pero os meus temores desapareceron ó entrar. Había alí  outros nenos e nenas, algúns xa mozos, lendo, falando baixiño ou collendo libros dos estantes.  Todos  semellaban  tranquilos e entretidos, pero o que en verdade me tranquilizou foi o sorriso de Milagritos, a bibliotecaria, e a amabilidade coa que nos falaba. Explicounos a historia daquel lugar, ensinounos moitos libros, grandes e pequenos, con debuxos e con  mapas,  e o mellor de todo foi que me fixo un carné de socia. Considereime unha nena importante.

Era certo! Había que estar con respecto, aquel lugar  era case unha igrexa, era un templo onde se agachaban as historias que marcarían a nosa infancia, a nosa adolescencia e case toda a nosa vida. Aquiles, Ulises, o cabalo de Troia, os deuses de Grecia e Roma, a tumba de Tutankamon, os mouros que vivían nos castros, os tesouros incas... foron o centro dos meus soños, e os  doutros moitos nenos e nenas que, ó saírmos da escola, iamos sempre á biblioteca, onde Milagritos nos agardaba cun gran sorriso, e case sempre con algunha lambetada.
                                                                                 
      Flora Enríquez
Día da Biblioteca 2019
 

martes, 8 de octubre de 2019

DÍA DA BIBLIOTECA 2019

Para conmemorar o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro; organiza por sétimo ano unha cea de confraternidade para todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación. Nesta ocasión, acollerá o acto o Concello de Pantón xa que a homenaxeada deste ano é natural do mesmo.

Con esta conmemoración queremos reivindicar a importancia do papel das Bibliotecas como difusoras de cultura, formadoras de lectores, lugar de encontro e centros de información e recursos.

A cea será o día 26 de outubro na Rectoral de Castillón a partir das 21:30 horas, quen desexe asistir poderá recoller a súa entrada nas Bibliotecas Públicas Municipais de A Pobra de Brollón, Bóveda, Pantón, Saviñao e Sober ou nas bibliotecas escolares do colectivo, no IES Daviña Rey ou no propio restaurante ata o día 18 de outubro incluído a un prezo de 22 €. A cea contará coa actuación da cantante de fados e mornas Eugenia Sanmartín.

Xa que durante esta cea tamén se fará entrega dos premios do VI Certame de Divulgación Mulleres de Lemos: Inés Fernández, abadesa de Eiré. Unha muller para o 8 de marzo; as persoas que o desexen poderán participar nunha visita guiada á Igrexa de San Miguel de Eiré o mesmo día, ás 19:00 horas.

Este ano contaremos coa colaboración literaria de Flora Enríquez que nos agasallará cun texto para conmemorar o Día das Bibliotecas. A súa colaboración súmase á de outros autores da comarca de Lemos que participaron en pasadas edicións: Olga Novo, Manuel Veiga, Lois Diéguez, Ramón Sandoval, Xabier Quiroga e Alicia Fernández.