lunes, 13 de octubre de 2025

DÍA DAS ESCRITORAS 2025

  

   O Día das Escritoras é unha iniciativa  organizada entre a Biblioteca Nacional de España,  a Federación Española de Mujeres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas (asociación para a igualdade de mulleres e homes na Cultura) para reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.  

   Neste ano 2025, desde o Colectivo Lemos Le queremos conmemorar esta data arredor da escritora soberina Moncha Prieto.

   Para que a coñezades un pouco, compartimos a continuación a biografía que se publica na súa obra Alma de barro. Relatos da Ribeira Sacra:

    Moncha naceu en Gundivós (Sober) e viviu en Barcelona dende os quince anos até 1995, cando regresa definitivamente a Galicia.

   Foi secretaria do Centro Galego de Barcelona e colaborou con diversas asociacións e revistas literarias como Alborada ou Lúa Nova.  Participou nos libros colectivos Voz e Voto, de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, e Vivir en presente.

   De 1985 a 1995 dedicouse ao mundo da radio: puxo en antena o programa Galicia máis cerca e foi compoñente do magazine matinal Bonico en Radio Gramener. Neste eido potenciou o nacemento e presidiu ERGAC (Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya); foi correspondente de Radio Progreso de Miami, sección noticias; e participou en Radio Exterior da Radio Galega.

    No ámbito literario, conseguir varios premios de poesía, de relato e de escritura creativa. Alma de barro. Relatos da Ribeira Sacra é a súa primeira obra en Xerais.

   Proximamente publicaremos as diferentes actividades que estamos realizando nas bibliotecas escolares e municipais integrantes do colectivo para dar a coñecer a súa obra.


viernes, 15 de agosto de 2025

FEIRA DO LIBRO - MONFORTE

 

 
A Feria do Libro de Monforte celebrase do 20 ao 23 de agosto de 2025, cun extenso programa que incluirá presentacións de libros, firmas de autores, espectáculos teatrais e de conta contos, recitais de poesía e actividades familiares. Ademais das casetas de librerías onde os visitantes poderán coñecer a numerosos escritores e adquirir as súas obras. 

miércoles, 4 de diciembre de 2024

L∃EMOS, novo selo de Agrasar Editores

 A libraría Agrasar deste colectivo acaba de lanzar L∃EMOS, un novo selo editorial co que pretenden abrirse a diversas temáticas e estilos literarios ampliando o seu alcance como editores.

MOITA  SORTE, COMPAÑEIROS!!

 

 

 https://xornaldelemos.gal/cultura/66208-66208/



miércoles, 20 de noviembre de 2024

PREMIO MARÍA MOLINER

    A Biblioteca Municipal de Sober, que forma parte deste colectivo, foi premiada un ano máis no certame de proxectos de animación á lectura María Moliner 2024.
 
    Sober coa lectura engloba as actividades que se realizan na biblioteca dirixidas aos usuarios e usuarias de todas as idades. 
 
 
PARABÉNS, COMPAÑEIRAS!!!

sábado, 26 de octubre de 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2024

   Este é a décima xuntanza de confraternidade que organizamos desde o Colectivo Lemos Le para fomentar o papel das bibliotecas escolares e municipais.

   Para esta ocasión quixemos desprazarnos ata o concello de A Pobra do Brollón xa que queremos dedicarlle o curso á tradición oral (elixida como protagonista do Día das Letras Galegas 2025), concretamente ás regueifas e aos brindos que son tradicionais deste Concello.


    Neste xantar unímonos persoas de diferentes sectores relacionados co mundo da cultura e as bibliotecas: mestres, bibliotecarios, librarías, editores, autores, responsables políticos... nunha xuntanza da que sempre saen boas ideas para seguir fomentando a lectura.


   Como en anteriores edicións, volvemos a editar un marcapáxinas para conmemorar o Día das Bibliotecas que este ano o foi escrito polo Colectivo Erre que Erre que é unha plataforma que se dedica a recoller, ensinar e transmitir á tradición oral do Concello da Pobra do Brollón.

  Ademais puidemos coñecer o seu traballo de primeira man e decatarnos da importancia que ten o labor que están facendo para que non se esqueza toda a riqueza oral que teñen nese concello.



MOITAS  GRAZAS  A TODOS  OS  QUE  NOS  ACOMPAÑASTES  NESTA XUNTANZA!!

FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!