domingo, 12 de marzo de 2017

EXPOSICIÓN MULLERES DE LEMOS NO CEIP A GÁNDARA

OS CÓMICS DO II E III CERTAME MULLERES DE LEMOS CHEGAN AO COLEXIO A GÁNDARA.
 Forman parte da exposición que durante este mes da muller  adican ás xa catro mulleres de lemos: libros, carteis e cómics que cada ano gozan de máis popularidade entre toda a comunidade educativa.


Os novos libros de Lola de Penelas son moi solicitados.



viernes, 10 de marzo de 2017

DIFUSIÓN DO IV CERTAME MULLERES DE LEMOS

Os medios de comunicación, fixéronse eco do noso certame a través de diferentes formatos.

Aquí deixamos un resumo da súa difusión:

 FACEBOOK  ONDA  CERO  MONFORTE  DE  LEMOS

LA  VOZ  DE  GALICIA (Edición dixital e impresa) 

Podes ler o artigo, aquí


miércoles, 8 de marzo de 2017

CONVOCATORIA IV CERTAME MULLERES DE LEMOS

CERTAME MULLERES DE LEMOS
BALBINA LÓPEZ SOMOZA. UNHA MULLER PARA O 8 DE MARZO
O Colectivo Lemos Le para conmemorar o Día da Muller que se celebra o 8 de marzo; organiza por cuarto ano o Certame Mulleres de Lemos coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos.
O Certame deste ano estará dedicado a Balbina López Somoza unha farmacéutica de O Saviñao do século XX. Propoñemos a esta muller como unha pioneira da ciencia na nosa comarca.
As actividades que levaremos a cabo serán as seguintes:
  • O obradoiro “Balbina López Somoza. Unha muller para o 8 de marzo” nos centros educativos públicos e concertados da nosa comarca. Esta actividade desenvolverase en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) de Monforte de Lemos e constará por unha banda, nun traballo de reflexión sobre a vida dunha precursora científica no século XX e, por outra banda, na elaboración dun libro que plasme en imaxes esta reflexión a través da súa vida.
  • IV Certame Mulleres de Lemos modalidade Banda Deseñada. Para Secundaria e Bacharelato (de 12 a 18 anos) na que os participantes terán que elaborar un traballo artístico e creativo que plasme a historia de Balbina López (extensión de 2 a 4 páxinas).
  • IV Certame Mulleres de Lemos modalidade Divulgación. Esta modalidade está destinada a maiores de 18 anos que en calquera xénero literario presenten un traballo sobre a protagonista do certame (extensión de 10 a 25 páxinas a dobre espazo, tamaño de letra 12).

BASES IV CERTAME MULLERES DE LEMOS

IV Certame de Divulgación Mulleres de Lemos

     Este certame rexerase polas seguintes bases:

     Primeira.- O certame deste ano versará sobre a figura de Balbina López Somoza.

     Segunda.- Establécense 2 modalidades:

a. Banda deseñada para participantes de 12 a 18 anos, e
b. Traballo de divulgación en calquera xénero literario para participantes a partir de 18 anos.

 
    Terceira.- Poderá concorrer a este certame calquera persoa que presente o seu traballo en lingua galega. Só se poderá presentar un traballo por persoa.


     Cuarta.- Os traballos presentados ademais de seren inéditos e totalmente orixinais, non poderán ter sido publicados ou divulgados en todo ou en parte por calquera medio físico ou electrónico. Os traballos presentados deberán aterse á:
a. Extensión mínima de 2 páxinas e máxima de 4 páxinas para Banda deseñada

b.
Extensión mínima de 10 páxinas e máxima de 25 páxinas para Traballo de divulgación, en tamaño de folio DIN A4 mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12.


     Quinta.- Cada un dos traballos presentarase nunha copia en papel e nunha copia en formato dixital (tiff, jpg, doc ou pdf). Non se admitirán manuscritos do Traballo de divulgación.

 
    Sexta.- O prazo de presentación rematará o 31 de maio. Os traballos serán presentados en calquera biblioteca municipal ou escolar dos centros educativos da comarca de Lemos integrados no colectivo Lemos Le.
  

     Sétima.- Os traballos presentaranse nun sobre pechado, identificados por un lema ou título e asinados cun pseudónimo. Noutro sobre en cuxo exterior figure o pseudónimo, incluirase unha folla co nome, apelidos e NIF, os enderezos postal e electrónico e os teléfonos de contacto da persoa autora do traballo de xeito que lle facilite á organización pórse en contacto con ela. As persoas menores de idade deberán achegar a autorización dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal (ANEXO I).

     No caso de remitirse as obras por correo postal a calquera das bibliotecas indicadas na base sexta, indicarase no sobre claramente “para participar no Certame de Divulgación Mulleres de Lemos”.


    Oitava.- O xurado estará formado por 3 persoas entendidas na materia. O premio único outorgarase por maioría simple de votos. Actuará como secretario/a do xurado con voz pero sen voto unha persoa designada polo colectivo Lemos Le.

 
   Novena.- Calquera incidencia ocasionada pola interpretación destas bases será solucionada pola maioría simple dos membros do xurado. A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer ó longo do mes de outubro; mes da biblioteca.


     Décima.- Concederase un único premio en cada categoría, segundo o criterio do Xurado. O xurado poderá declarar deserta algunha das categorías ou nomear un accésit por categoría se a calidade dos traballos presentados fai que así o estime oportuno.

     Os premios consistirán en: diploma, 1 lote de libros, 1 lote de produtos da Ribeira Sacra e unha peza de artesanía local conmemorativa do certame.


     Undécima.- A entrega do premio terá lugar nun acto público que se celebrará arredor do día 24 de outubro, Día das Bibliotecas.


    Duodécima.- As obras gañadoras quedarán en propiedade do Colectivo Lemos Le. Os orixinais non premiados poderanse recuperar con cargo ás persoas autoras concorrentes, pasados 15 días da data de entrega de premios. Os orixinais que non fosen retirados neste prazo destruiranse.


    Decimoterceira.- O Colectivo Lemos Le ten a potestade de publicar unha antoloxía coas mellores obras presentadas ó concurso, para o cal, cada participante polo mero feito de se presentar, concede autorización tácita ó colectivo para a publicación do seu orixinal.

 
    Decimocuarta.- A participación neste certame supón a completa aceptación das presentes bases e máis das decisións do xurado que se designe.


Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2017

LOLA DE PENELAS. Entrega do conto en Monforte

    O día 8 de marzo, o Centro de Información á Muller fixo entrega en Monforte do  libro "Lola de Penelas. Unha muller para o 8 de marzo" aos centros que participaron na súa elaboración a través do obradoiro do mesmo nome no que se fixo un traballo de reflexión sobre a vida das mulleres artesás galegas e se plasmou en imaxes esta reflexión a través da súa vida.

  No seguinte vídeo pódese ver o resultado deste traballo coa voz da xornalista Manola Porto.


domingo, 5 de marzo de 2017

DÍA DA MULLER

    O Concello de Monforte conmemorará o Día da Muller a través de varios actos entre os que se inclúen dous relacionados directamente co noso colectivo:

Lola de Lemos
Os alumnos de Primaria de Monforte e da comarca asistirán o día 8 á reprodución do conto en formato dixital Lola de Penelas e á entrega dos exemplares ilustrados cos debuxos que elaboraron o pasado ano. A primeira das quendas será ás 11:15 e a segunda ás 12:30 horas no salón de actos da Casa da Cultura.

Obradoiro Mulleres de Lemos
O Concello de Monforte, en colaboración co colectivo Lemos Le, vai desenvolver durante os meses de marzo e abril o obradoiro adicado a Balbina López Somoza, boticaria no Saviñao. O obxectivo deste proxecto é que os rapaces de educación primaria coñezan a mulleres significativas da historia da comarca.
 

   Pódense consultar o resto dos actos no seguinte enlace:

 

jueves, 2 de marzo de 2017

CONVOCATORIA DE REUNIÓN: 6/03/2017

LUGAR: IES Daviña Rey

HORA: 20:30

ORDE DO DÍA:

1) IV Certame Mulleres de Lemos:
     - Publicación das bases do certame
     - Cartel promocional
     - Nota de prensa
     - Difusión entre os centros escolares


2) GÁLIX: envío do material elaborado

5) Rogos e preguntas