viernes, 20 de octubre de 2017

RAMÓN SANDOVAL: texto agasallo para o Colectivo LEMOS LE


      Para o Colectivo Lemos Le
      Para ben ou para mal os gustos e tendencias que temos na vida fórxanse na infancia. Cando neno na miña casa só había dous libros, dous tomos de receitas de cociña, obras sen dúbida moi necesarias e útiles en calquera fogar pero as que eu, despois de ler varias páxinas, non lles atopei a graza. Será por iso que aínda agora fuxo dos fogóns e dos concursos televisivos culinarios. 

      Meus pais, pobres, nunca oíran falar de Edmundo de Amicis que escribiu que “unha casa sen libros é unha casa sen dignidade”. Non concordo con Edmundo porque a dignidade mídese por outros parámetros, pero entendo o que quixo dicir.

    Así que, descartado o das receitas, non me quedaba outra que ler a Enciclopedia Álvarez (libro obrigado na escola) ou algunha folla de periódico que de cando en vez aparecía polo comedor.

      Nunha desas follas un día lin dous poemiñas de alguén que dicía ser Manuel María, e da Enciclopedia Álvarez recitaba con moito aquel as coplas de certos escritores afectos ao réxime franquista. Engaiolábanme a rima e a musicalidade que tiñan, entón decidín que eu tamén quería ser poeta. Son un home persistente e sígoo intentando.

      A primeira vez que entrei nunha librería foi na Librería Balado, de Monforte. Tería eu uns 10 anos. Mentres miña nai mercaba o que me facía falta para a escola eu, en vez de ir remexer nos cómics, achegueime ao expositor de libros que tiñan entrando a esquerda e funlle dando voltas. De entre todos fixeime nun: o autor tiña un nome ben raro, Dostoievski, pero o título prometía, Crime e castigo.

      Pedinlle a nai que mo mercara e dixo que non. Custaba, ben o lembro, 20 pesetas. Agora parece pouco pero daquela, para unha familia labrega e cunha economía baseada na subsistencia, eran cartos. Pero eu insistín, insistín (os nenos teñen moita psicoloxía e xa se sabe como son as nais) e saín da Balado co libro na man, máis contento que cunhas zocas novas.

    Ao chegar a casa o primeiro que fixen foi borrarlle o prezo por si rifaba o pai, pouco dado as veleidades literarias. Lino nas seguintes noites: cando tocaba hora de durmir metíame na cama, apagaba a luz, agochábame coa roupa e así ben tapadiño acendía un pequeno foco e poñíame a ler. Mentres meus pais pensaban que durmía eu vivía as aventuras e desventuras de Raskolnikoff e descubría palabras exóticas como topeck, samovar, mujik. Cando rematei, o veleno xa estaba en min e souben que xa nunca máis podería deixar de ler.

      Algún tempo despois, María Xesús, unha rapaza de Barantes, prestoume Viaxe ao centro da terra de Julio Verne. Así descubrín o gusto polas novelas de aventuras de prosa fácil e souben que era certa a frase de Emily Dickinson “non hai mellor fragata que un libro para levarnos a terras afastadas”. Con Verne fun a Lúa, viaxei en globo e polos fondos mariños, coñecín Africa, illas misteriosas, volcáns, tribos salvaxes, e por primeira vez intuín que o mundo era moi grande, moito máis grande do que eu pensaba.

      Daquela tamén empecei coas novelas de vaqueiros. Ai, que sería de nós sen Marcial Lafuente Estefanía, Clark Carrados ou Silver Kane! O Far West atrapoume tamén para sempre: eses vaqueiros sempre a cabalo, eses ranchos inmensos, Oklahoma, Texas, Wichita, o shériff de máis de 6 pés de alto co seu colt 45, e eses indios, todos eles ruíns, malencarados e pésimos bebedores de whisky.

      En terceiro de BUP decateime que era moito máis interesante pasar as horas lento na biblioteca que nas clases. Resultado: ese trimestre suspendín case todo menos literatura na que saquei sobresaínte. A titora, que era tamén a mestra de literatura, chamoume o seu despacho e veume a dicir que estaba encantada de que me gustase a súa materia pero pedíame por favor que lles dedicase tamén algún tempo as outras.

      Pero eu seguín o meu e así nesas mañás na biblioteca do instituto descubrín a literatura iberoamericana (Borges, Cortázar, García Márquez), a poesía (Lorca, Miguel Hernández, Blas de Otero, Whitman), tipos estraños como Kakfa e Poe, e xente da nosa, Castelao, Rosalía, Neira Vilas…

      Disto pasaron xa moitos anos pero pódovos asegurar que o gusto pola lectura non minguou. Sigo atrapado polos libros, polo seu olor, polo tacto das follas. Encántame estar nas bibliotecas, nas librerías, mesmo adoito visitar as tendas de libros de segunda man. Será preciso que vos diga que odio os ebooks e que os considero un invento diabólico que había que exterminar?

“Siempre imaginé que el paraíso sería algún tipo de biblioteca”. Son palabras de Borges e non serei eu quen lle discuta algo ao lúcido escritor bonaerense. Si, amigo Borges, as bibliotecas son pequenos paraísos para os que gustamos de ler, xuntar palabras e sobre todo soñar, soñar outros mundos, outras vidas, outros tempos. Oxalá que nelas me siga encontrando con frecuencia con todas, con todos vos.

      Ramón Sandoval

No hay comentarios:

Publicar un comentario