Mostrando entradas con la etiqueta Xabier Quiroga. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xabier Quiroga. Mostrar todas las entradas

sábado, 20 de mayo de 2017

26 PEQUENAS OLLADAS ÁS LETRAS DE LEMOS DO A AO Z

     Esta exposición está adicada a 26 escritores, escritoras ou colectivos relacionados coa literatura nas Terras de Lemos con representación de todos os Concellos que a forman.

    Foi elaborada por Xosé Martínez quen ademais foi o noso guía nesta visita.
 Cada unha destas olladas, está recollida nun dobre panel composto por unha síntese biográfica, bibliográfica, fotos e unha escolma dalgún dos seus textos.
 
    Reproducimos algúns dos paneis que fan referencia a autores que colaboraron con este colectivo.





   Moitas grazas a Xosé por esta visita guiada e por acordarse do Colectivo nos seus agradecementos

miércoles, 9 de noviembre de 2016

NORABOA XABIER QUIROGA

   Desde o Colectivo queremos felicitar a Xabier Quiroga tras recibir o premio San Clemente en novela galega pola súa obra Izan o da saca.

   A trama complexa, os personaxes redondos e con gran coherencia foron algúns dos motivos que levaron aos alumnos a decantarse por esta obra para o premio de novela galega: «É unha historia profunda e emocionante, que nos fixo sentir investigadores», eloxiaron no seu fallo os membros do xurado. 


domingo, 23 de octubre de 2016

DÍA DA BIBLIOTECA - 24 / 10 / 2016

    Por cuarto ano, o noso colectivo ven de organizar un xantar de confraternidade para conmemorar o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro; no que nos reunimos persoas de todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a deucación da nosa comarca. Nesta ocasión a reunión tivo lugar no Concello de Sober.



   Despois de xantar tomou a palabra Luis Fernández Guitián, alcalde do Concello anfitrión para darnos a benvida ao Colectivo e a todas as persoas asistentes.
    Pero é imprescindible para fomentar a lectura e para as bibliotecas a existencia de escritores e escritoras. Para esta xuntanza, editamos un marcapáxinas co texto co que o ano pasado nos agasallou Xabier Quiroga: A miña biblioteca, a miña casa.

   Este ano temos a honra de que o agasallo veña da man de Lois Diéguez que nos acompañou e nos fixo chegar o texto: A estrela azul de MM. Un escritor da comarca cunha extensa bibliografía que abrangue moitos xéneros literarios e que foi recoñecido con varios premios ao longo da súa carreira.

    Ademais tamén nos agasallou cun dos vinte exemplares do libro: OS FIDALGOS DE MONFORTE, de Benito Vicetto. Editorial Tris Tram, traducido ao galego por Isidro Novo.
 
Despois de escoitar o texto na voz do propio autor, centrámonos no Certame Mulleres de Lemos adicado a Lola de Penelas. Para isto, da man do Centro de Información á Muller, fixemos un visionado do conto baseado na súa vida escrito por Paula Vázquez Verao e ilustrado polo alumnado dos centros de Primaria da Comarca.
 


    Despois desta fermosa proxección fíxose entrega dos premios correspondentes ao Certame Mulleres de Lemos

1º PREMIO BANDA DESEÑADA pola innovación técnica, pola narración sen necesidade de palabras e polo uso da linguaxe do cómic foi para Raúl Rodríguez que non puido acompañarnos no xantar.

ACCÉSIT  BANDA  DESEÑADA pola coidada presentación, polo seu estilo persoal demostrado ao longo dos anos e pola áxil narración foi para Víctor Domínguez.


PREMIOS  CATEGORÍA DIVULGACIÓN 

    A Paula Vázquez Verao, autora do texto ilustrado Lola de Penelas. Unha muller para o 8 de marzo e ao CIM pola súa importante labor de difusión das Mulleres de Lemos entre os Centros de Primaria.


    Con esta entrega de premios damos por rematado o III Certame e adiantamos que a IV edición terá como protagonista a unha muller do Concello de O Saviñao.


     Para finalizar queremos facer os seguintes agradecementos:

- a Lois Diéguez polo seu texto,

- ao xurado do certame pola súa colaboración: Ángel Arnaiz e Jorge Granjel,

- ao CIM por facer posible o visionado do conte durante este xantar e a Manola Porto por prestar a súa voz,

- a Xurxo Ayán gañador do segundo certame pola súa presenza e as súas verbas,

- ás entidades colaboradoras: Imprenta Fénix, Librería Agrasar, Chuzos e Consorcio da Turismo da Riberia Sacra,

- ás autoridades que nos acompañan e

- aos concellos participantes: Bóveda, Monforte, A Pobra do Brollón, O Saviñao e especialmente ao noso anfitrión o Concello de Sober.

FELIZ  DÍA  DA  BIBLIOTECA!!






lunes, 26 de octubre de 2015

CONMEMORACIÓN DÍA DA BIBLIOTECA: 2015


    
   Por terceiro ano o noso colectivo celebrou unha cea para conmemorar o Día da Biblioteca; na que nos reunimos arredor de 50 persoas.

 

   Para esta conmemoración editamos uns marcapáxinas co texto que Olga Novo nos adicou o ano pasado:


   Durante o acto fíxose entrega dos premios do II CERTAME MULLERES DE LEMOS: MARÍA CASTAÑA. UNHA MULLER PARA O 8 DE MARZO.

    A entrega de premios foi feita polas autoridades alí presentes: Ricardo Rodicio (Concello de A Pobra do Brollón),  Luis Fernández (Concello de Sober) e Marina Doutón (Concello de Monforte de Lemos)

    Os premios desta edición foron para:

- 1º Premio divulgación: Xurxo Ayán (ao non poder asistir ao acto, recolleu o premio o seu tío)
 
- 1º Premio Banda Deseñada: Sara Rodríguez Barrientos (IES Daviña Rey)

- Accésit Banda Deseñada: Víctor Domínguez Fernández (IES Daviña Rey)



   Ademais, puidemos visionar o conto María Castaña. Unha muller para o 8 de marzo, elaborado polo CIM a partir dos traballos feitos polos alumnos e alumnas dos centros de Educación Primaria da Comarca; con voz en off da xornalista Manola Porto.
    
    Tamén contamos nesta cea coa presenza de Xabier Quiroga, que nos agasallou coa lectura do seu texto: A miña biblioteca, a miña casa.

    Ao remate do acto foi presentada a III EDICIÓN DO CERTAME MULLERES DE LEMOS, adicado neste ano a Lola de Penelas, unha oleira da terra de Gundivós no concello de Sober.
    Para finalizar, desde o Colectivo queremos facer os seguintes agradecementos:
- Ao CIM pola súa colaboración no desenvolvemento dos obradoiros Mulleres de Lemos e o seu traballo para facer posible o visionado do conto de María Castaña durante a cea.

- Aos autores  Olga Novo e Xabier Quiroga polos sus textos.

- Ao xurado do Certame: Manola Porto, Humberto Loureiro e Ángel Arnaiz.

- Ás entidades colaboradoras: Librería Agrasar, Imprenta Fénix, Chuzos e o Consorcio de Turismo.

- Ás autoridades que nos acompañaron representando aos concellos participantes: Sober, Monforte, Saviñao, Bóveda e especialmente ao concello anfitrión A Pobra do Brollón ao que lle estamos moi agradecidos así como á súa Concelleira de eventos Mónica que tanto colaborou con nós na organización deste acto.

- Non queremos esquecer tampouco a Pilar Sampedro, Asesora de Bibliotecas Escolares de Galicia que nos honrou coa súa presenza e nos adicou unhas verbas animándonos a seguir con esta tarefa de divulgación e fomento da lectura.

miércoles, 14 de octubre de 2015

XABIER QUIROGA: A MIÑA BIBLIOTECA, A MIÑA CASA




A miña biblioteca, miña casa.

Na casa de aldea onde nacemos meu irmao e mais eu non había libros. Moito menos biblioteca. Pero esa casa empezou a arder aos 19 días e, co apuro e para salvar o que importa, botáronnos por unha xanela, porque cos toxos secos que estraran meus tíos nas cortes xa se sabe, cando planta o lume neles non agarda a que saias pola porta.

A casa á que nos levaron, de quitado algún misal de atrasada realidade, tampouco tiña libros. Pero detrás do mesado de azulexo da cociña de labregos, alí, ao quente, meu irmao e mais eu escoitamos as primeiras historias que contaban vellos moi vellos que sabían o que sabe a idade das cousas que pasan. Mentres comían do que había e bebían viño novo, falaban de lobos e de aparecidos, de amores e de vinganzas, da vida e do que esta carreta. Non había libros, pero si a palabra.
Esa foi a segunda.

A terceira casa á que nos levaron, tan pouca cousa ela como a estreiteza dunha posguerra sen consolo, refuxiábase nun arrabaldo de vila que quería ser e non daba. Alí empezamos a correr polos carreiros e atallar polas carballeiras, a perdernos coas recuas de nenos e nenas enzoufados de lama que procuran sen desmaio o que ninguén perdeu. Pero a casa en si era un desastriño, non tiña de nada, así que tampouco ninguén agardaba que nela houbese libros.

Na cuarta casa á que nos levaron, feita de novo e coas maos da familia e o esforzo de moitos, miña nai quixo deixar, iso si, un estante baleiro, como para enchelo algún día de tarecos decorativos. Debo dicir que desde esa casa víanse, aínda se ven, as bretemosas terras de Lemos e a torre do seu castelo como aboiando no gris.

Pasou algún ano e, sendo eu rapazolo e no da Celia do Cubano, un ultramarinos vello que axiña deu en tenda e precedeu a un super que logo e se o deixasen seguramente acabaría de hiper ou centro comercial á americana, apareceu como por encanto un expositor deses de varillas metálicas que xiran desde un eixo vertical e que tiña algo que, como a chispa acende na palla seca, acendeu o meu maxín: libros. Novelas, mellor dito.

Así que alí, onde antes meu irmao e mais eu mercabamos os churruscos coas escasas pesetas que, sen saber como, lograba xuntar un cativo no peto, a vida deu un chouto e engaioloume.

Era eu rapaz inocente e indeciso e lembro que pasei moitas horas de varios días como pasmado diante dese expositor ao que lle daba voltas e máis voltas para escoller un único libro. O primeiro. E sería naquela desaparecida colección Reno de novelas baratas e autores tan descoñecidos que eu imaxinaba doutra galaxia onde descubrín o engado.

Nesa colección e nesa tenda que axiña pechou merquei eu o meu primeiro libro, certo. Pero logo de lelo, de devoralo, como o pirata que quere agochar o seu tesouro, coloqueino naquel estante da casa que miña nai deixara baleiro. Ese foi o primeiro. Logo virían máis, todos os que puidemos. E desde alí, vendo as terras de Lemos, meu irmao e mais eu lemos. Lemos mirando Lemos nesa nosa primeira biblioteca. E coa biblioteca que inciamos e que se iría enchendo aos poucos, a casa pareceu máis casa e o maxín puido voar sen remedio.

Logo virían viaxes cara a outros lugares, outras casas con outras xentes e outras bibliotecas con moitos libros, pero nese andel onde colocamos o primeiro libro, nesa casa onde lemos esa primeria novela e nesa cativa biblioteca que fomos completando como se completa un álbun de cromos na infancia, temos claro que aniña parte de nós.

Por iso agora, moitos anos despois, e aínda sabendo como sei que non é o lugar senón a persoa o que verdadeiramente importa, cando entro nunha biblioteca e me perdo co maxín nas páxinas de calquera libro, sei que estou na miña casa.


Xabier Quiroga   outono 2015



Agradecemos a Xabier Quiroga este texto, 
agasallo para o Colectivo Lemos Le no Día da Biblioteca - 2015