lunes, 23 de octubre de 2017

DÍA DA BIBLIOTECA 2017

    Por quinto ano, o noso colectivo ven de organizar unha xuntanza de confraternidade para conmemorar o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro; unha xuntanza na que nos reunimos persoas de todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación da nosa comarca. 

    Nesta ocasión a conmemoración tivo lugar no Concello do Saviñao e comezou cun roteiro arredor da figura de Balbina López Somoza, protagonista do IV Certame Mulleres de Lemos.
     Durante o roteiro, descubriuse unha placa no edificio da farmacia de Balbina coa que o Concello quixo facerlle unha homenaxe. O encargado de descubrir esta placa foi o seu fillo Manuel Taboada.

     A continuación tivo lugar unha cea, na que Juan Carlos Armesto Quiroga, teniente alcalde do Concello anfitrión foi o encargardo de darnos a benvida ao Colectivo e a todas as persoas asistentes.

   Despois da cea, centrámonos no Certame Mulleres de Lemos adicado a Balbina López Somoza. Para isto, da man do Centro de Información á Muller  representado por Marina Doutón e Patricia Payo, fixemos un visionado do conto baseado na súa vida e ilustrado polo alumnado dos centros de Primaria da Comarca.
 

    Despois desta fermosa proxección fíxose entrega dos premios correspondentes ao Certame Mulleres de Lemos:
1º PREMIO BANDA DESEÑADA polo uso da linguaxe do cómic para Víctor Domínguez.
1º PREMIO CATEGORÍA DIVULGACIÓN para María Isabel Fernández García
 

   Para dar por rematado o IV Certame, dirixíronnos unhas palabras o fillo e o neto de Balbina e adiantamos que a V edición terá como protagonista a unha muller do Concello de Bóveda.
 

   Para o Colectivo tamén é moi importante é imprescindible fomentar a lectura e para que existan obras literarias que ler nas bibliotecas é imprescindible tamén a existencia de escritores e escritoras. Desde que comezou a nosa andaina; cada ano contamos coa colaboración de escritores da comarca que nos agasallan cos seus textos.

    Para esta xuntanza, editamos un marcapáxinas co texto co que o ano pasado nos agasallou Lois Diéguez: A estrela azul de MM e outro co texto co que estas colaboracións comezaron: O escritor fala dos libros de Manuel Veiga.
 
    O escritor que nos agasallou este ano coas súas verbas foi Ramón Sandoval autor soberino que recibiu varios premios literarios ao longo da súa vida. Ademais de acompañarnos, regalounos a lectura en primeira persona do fermoso texto que nos enviou e que relata a súa relación cos libros e coa literatura.
 

     Para finalizar queremos facer os seguintes agradecementos:
- a Ramón Sandoval e Manolo Veiga polos seu textos e a súa presenza,
- ao CIM por facer posible o visionado do conto durante este cea,
- a Manola Porto por prestar a súa voz,
- a Manuel Vázquez Pérez que veu en representación do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo,
- ás entidades colaboradoras (por orde alfabética): Abadía da Cova, Balneario Augas Santas,  Consorcio de Turismo RS, Daveiga, Área de Turismo e Cultura da Deputación de Lugo, Ecomuseo de Arxeriz, Leite d’Vaca, Libraría Agrasar, Imprenta Librería Fénix, Papelería Chuzos, Xianas Galletas Artesáns,
- ás autoridades que nos acompañaron e
- aos concellos participantes: Bóveda, Monforte, A Pobra do Brollón, Pantón, Sober e especialmente ao Concello anfitrión do Saviñao.

FELIZ  DÍA  DA  BIBLIOTECA!!





  

No hay comentarios:

Publicar un comentario