Non existe nunca unha única causa
que explique porque unha persoa chega a converterse en escritor.
Eu, se miro
na miña biografía, encontro, non unha única causa de que hoxe sexa escritor,
pero si a causa principal.
Arredor de
1970, o Ministerio de Educación y Ciencia destinou á Escola de Diomondi (O
Saviñao), na que eu estudaba, un lote de 140 libros. Ao ano seguinte volveu
destinar, á mesma escola, outro lote, esta vez de 400 libros. Podía ter sido un
televisor, como lle tocou a outras escolas, pero á de Diomondi tocáronlle dous
lotes consecutivos de libros. En total, máis de 500 títulos diferentes. Iso
cambiou a miña vida. E non só a cambiou, esa biblioteca foi e será para sempre
parte da miña vida. Podo vela agora mesmo cos ollos pechados e podo ver aínda o
lugar que ocupa case cada libro. Por suposto lembro os seus cheiros diferentes
e podería dicirvos os títulos, non de todos, pero si de bastantes dos libros
que había alí e que eu lin, en longas tardes de chuvia e tamén en días de sol e
sesta, sobre unha manta, baixo os carballos. A natureza estaba moi próxima e
eu, entre o estudio e os xogos, pasaba tamén as horas da infancia lendo. Desde o
simplemente entretido “Oscar espía atómico” a “Robinson Crusoe” e “Tom Sawyer”.
Ou “Casa de Bonecas” de Ibsen que lin pensando que era para nenos e da que non
entendín nada, aínda que é unha marabillosa obra de teatro que volvín reler de
maior. Alí estaban desde os libros de Enid Blyton ou de Verne, até “A montaña
máxica” de Thomas Mann ou “Cinco horas con Mario” de Delibes.
Non podían
faltar, por suposto, títulos como “Franco, ese hombre”, pero tamén estaban “As
crónicas do sochantre” de Cunqueiro, en versión castelá. O único libro en
galego que había era “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro, a pesar de que o
galego era o idioma da totalidade dos nenos e nenas da escola. Pero, en fin...
Xa sabedes: No impongamos el gallego que ya nos impusieron antes el castellano
y no queremos tener que repetir el trabajo.
Aquela
biblioteca, instalada nunha cómoda que antes gardara sabas e mantas e cuxas
portas renxían como o eixo dun carro, foi para sempre o meu tesouro. Ampliou
incribelmente a miña mirada. Fun feliz alí, cos meus pais, cos campos para
correr e xogar ao fútbol, entre os labregos aos que lles debo a lingua que agora
uso e entre aqueles dous lotes de libros entregados polo Ministerio de
Educación y Ciencia.
Manuel Veiga
Agradecemos a Manuel Veiga este texto, agasallo para o Colectivo Lemos Le no Día da Biblioteca - 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario