sábado, 22 de octubre de 2016

LOIS DIÉGUEZ: A ESTRELA AZUL DE MM


      MM amaba a estrela de Venus e ía á alba sempre a mirala no seu brillo azul e intenso. Chamaba por nós para acompañalo, mais ahora non nos parecía acaída e seguiamos a durmir. Despois viámolo a el con estrelas azuis tamén que lle agromaban dos labios e da fronte. Se as mirabas con interese ían xurdindo letras, e despois liñas de letras, e despois páxinas de letras. Mais a xente dicía que cansaba e axiña abandonaba o interese ao interpretalas. MM insistía en que se converterían en escravos senon dominaban a sabedoría transferida polas estrelas milenarias. Daquela comezaron a chamarlle o Mago Tolo da Estrela Azul.

    MM foise un día de outono camiño de Venus, e alí ficou. Os amantes dos seus libros din que á beira da grande estrela azul apareceu outra máis pequena de cor vermella, e que se a miras intensamente saen dela páxinas de letras que contan os segredos que ninguén sabía decifrar. E que senten a tenrura e usan o sorriso. Mais os outros, os demais, seguen afirmando que prefiren esas pequenas máquinas das que non sacan os ollos nen as mans. Coñécense ben porque de tanto mirar para elas, para as máquinas, quedoulles a cabeza torta para un lado. As rúas ficaron ateigadas de xentes coa cabeza torta para un lado. E xa non son quen de ver a estrela vermella que nos dá a capacidade da emoción. E a liberdade.

Lois Diéguez

Sober, 22 outubro do 2016

Para o Colectivo Lemos no Día da Biblioteca



Agradecemos a Lois Diéguez este texto, agasallo para o Colectivo Lemos Le no Día da Biblioteca - 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario