martes, 26 de mayo de 2015

ROTEIRO LITERARIO LOIS PEREIRO E EXPOSICIÓN: 17 OLLADAS ÁS LETRAS E TERRAS DE LEMOS

      O  martes 26 de maio foi o día adicado  a facer, coma todos os anos unha ruta literaria e gastronómica da man de Xosé Martínez.

     A ruta partiu da  Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro tras realizar a visita guiada á interesantísima  exposición 17 0lladas ás letras e terras de Lemos.


     A exposición permite facer un percorrido literario pola Terra de Lemos dende a época medieval ata a actualidade a través do achegamento a dezasete escritores e escritoras vinculados á comarca de Lemos pola temática dalgúns dos seus textos ou as máis das veces por aspectos biográficos.
 
     Deste modo a mostra permite achegarse a escritores da época medieval (Pero de Veer) dos Séculos Escuros (Bacharel Olea), do Rexurdimento (Manuel Yáñez González) e do século XX (Joaquín Arias Sanjurjo, Roberto Martínez Andrade, Antón Patiño Regueira, Maruxa Fernández, Manuel María, Lois Diéguez, Xosé Lois García, Lois Pereiro, Sabela Rodríguez Oxea, Xavier Quiroga e Olga Novo).
     Tamén se inclúen na exposición achegas a colectivos que recompilaron literatura popular como o caso dos Estraloxos de Vilar de Ortelle no Concello de Pantón ou o Trícole e O Colado do Vento no Concello de Sober.
     A mostra en definitiva permite achegarse á literatura galega vinculada á Terra de Lemos dende a idade media ata a actualidade e coñecer a dezasete figuras relacionadas con ela, pero ao mesmo tempo tamén ofrece unha ollada xeral á literatura galega dende a idade media ata a a actualidade e a algúns feitos históricos relevantes en Galicia tamén dende o período medieval ata a actualidade.
      Por outra parte o protagonismo da Terra de Lemos na exposición reflíctese nunha parte dos 33 paneis que a compoñen en que se fan olladas breves a aspectos xeográficos, históricos e patrimoniais dos seis concellos da comarca: Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, acompañadas de magníficas fotografías de Jesús Rodríguez Montero.
      Os escritores, escritoras e colectivos aos que se achega a exposición están vinculados, aos seis concellos da comarca.
     Os textos da mostra foron recompilados por X. Martinez quen agradece a colaboración do persoal da Área de Cultura do Concello de Monforte de Lemos, das Bibliotecas Muncipais dos concellos da Terra de Lemos e do colectivo Lemos Le.

     O colectivo das bibliotecas manifestou un gran interés polos documentos expostos, destacando a información e recompilación de material que aporta; e tentará levar a cabo un labor de difusión entre o alumnado e profesorado dos centros de ensino e   población en xeral.  

    Os participantes foron recorrendo lugares que marcaron as distintas etapas da vida do autor monfortino Lois Pereiro.


Rematouse a actividade coa visita a algún dos bares participantes no certame Cume Tapas


 Ao día seguinte  a  prensa fíxose eco da nosa actividade (recorte de El Progreso)


No hay comentarios:

Publicar un comentario