miércoles, 23 de octubre de 2024

COLECTIVO ERRE QUE ERRE: Texto agasallo para o Colectivo Lemos Le (Día das bibliotecas 2024)

   Nas súas redes sociais o colectivo Erre que erre defínese como "unha plataforma que coordina as actuacións de diferentes formadores e formadoras en improvisación oral e que mantén como filosofía que se hai algo que está sen facer, o mellor é facelo.

  Cremos que a improvisación oral é unha ferramenta que pode mudar o mundo e por iso queremos levala o máis lonxe posible. Construímos esta canción dende o que nós somos: persoas diversas que cremos que é posible debuxar unha realidade máis xusta e igualitaria"

   Desde o Colectivo Lemos Le, puxémonos en contacto con eles porque este curso queremos dedicalo á tradición oral xa que é a proposta para o Día das Letras Galegas; concretamente á tradición dos brindos de A Pobra de Brollón e eles aceptaron a colaboración escribindo o seguinte texto:

MOITAS  GRAZAS  POLA  VOSA  COLABORACIÓN!

martes, 22 de octubre de 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2024

  

   Para conmemorar o DÍA  DAS  BIBLIOTECAS  2024 organizaremos un xantar de confraternidade para todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación coa intención de reivindicar a importancia do papel das Bibliotecas como difusoras de cultura, formadoras de lectores, lugar de encontro e centros de información e recursos.

Esta décima xuntanza celebrarase o sábado día 26 de outubro na Casa Rural A Salanova (Salcedo) a partir das 14:30 horas. Quen desexe asistir poderá recoller a súa entrada nas Bibliotecas Públicas Municipais de A Pobra de Brollón, Bóveda, Pantón, O Saviñao e Sober ou nas bibliotecas escolares do colectivo a un prezo de 20 €.

Ademais, xa que o Día das Letras Galegas 2025 estará adicado ás cantareiras e á tradición oral, este ano contaremos coa colaboración literaria do colectivo ERRE QUE ERRE. REGUEIFA RABUDA que é un colectivo que pretende manter viva a tradición oral das regueifas e do brindo na Pobra do Brollón.

A súa colaboración súmase á de outros autores da comarca de Lemos que participaron en pasadas edicións como Dani Viéitez e Iria Iglesias, Olga Novo, Manuel Veiga, Lois Diéguez, Ramón Sandoval, Xabier Quiroga, Alicia Fernández, Flora Enríquez, Noa Moreira, Margarita R. Otero ou Antón Lopo.

jueves, 2 de noviembre de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS - Reseña El Progreso 29/10/2023

   Compartimos o artigo de prensa publicado no xornal El Progreso o domingo 29 de outubro de 2023, na sección Ribeira Sacra páxina 21.



domingo, 22 de octubre de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS - 2023

    Por noveno ano o noso colectivo volveu a organizar unha xuntanza de confraternidade para conmemorar o Día das Bibliotecas coa finalidade de fomentar o papel das nosas bibliotecas escolares e municipais.

 

    Este ano a xuntanza tivo como tema o principal o lema "Tecendo comunidades" proposto polo Ministerio de Cultura y Deporte para, como indican na súa páxina, "destacar el papel fundamental que desempeñan las bibliotecas en la construcción de lazos fuertes dentro de nuestras comunidades. Estas instituciones son centros de conexión y aprendizaje, donde las historias, las experiencias y los conocimientos son los hilos que unen a los ciudadanos."

Cartel conmemorativo a cargo de la ilustradora Nuria Riazza

 

   Para nós non podía haber un lema máis adecuado xa que a orixe do noso colectivo foi precisamente formar unha comunidade entre as bibliotecas escolares e públicas da comarca de Lemos que nos permitise apoiarnos, axudarnos, intercambiar ideas, compartir actividades e coñecementos...

   Para visibilizar esta idea ocurríusenos "tecer" un gran cartel tipo patchwork substituíndo os anacos de  tea por cadros que simbolizaran ás nosas bibliotecas ou recollesen imaxes das actividades realizadas ao longo deste tempo que traballamos xuntas e unilos todos arredor do noso logo e do propio cartel do Día das Bibliotecas.


     Ao final o noso labor quedou así de ben feitiño!

   Co traballo rematado chegou o momento do xantar no que nos unimos persoas de diferentes sectores relacionados co mundo da cultura: mestres, bibliotecarios, librarías, editores, autores, responsables políticos, periodistas... 

   Como en anteriores edicións, volvemos a contar coa colaboración de escritores e escritoras da comarca que nos agasallan cun texto co que editamos un marcapáxinas para conmemorar o Día das Bibliotecas.

    Este ano o texto foi escrito e ilustrado por Dani Viéitez e Iria Iglesias, e nel fálannos da súa historia literaria (enlace ao texto). Ademais, como tamén son ilustradores, encargáronse da ilustración e do deseño do marcapáxinas no que aparecen moitos dos protagonistas das súas obras: o raposo Rufo, Pilonga e Amanito, Pelo de Nube...



   Rematamos a conmemoración dando grazas a todas as persoas que hoxe nos quixeron acompañar así como aos respresentantes políticos de diferentes concellos da comarca que coa súa presenza axudan a recoñecer a importancia da cultura, á xornalista Manola Porto non só por estar aquí senón tamén pola difusión que fixo do noso evento e, por suposto, a Dani e Iria tanto polo seu marcapáxinas como por acompañarnos e poñerlle voz ao seu texto.



 FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!
Oxalá nunca se desfagan os nós que nos unen!!