lunes, 8 de noviembre de 2021

PREMIO MARÍA MOLINER

    A biblioteca Pública Municipal de Sober que pertence a este colectivo, recibiu o seu sétimo premio Nacional María Moliner co seu programa Sober coa lectura que inclúe actividades para nenos e adultos.

 

       Este premio ten por obxectivo premiar ás bibliotecas de municipios que leven a cabo un proxecto único que inclúa as accións de animación á lectura, eficiencia e labor bibliotecaria, integración social na súa comunidade e uso das novas tecnoloxías

 

PARABÉNS  COMPAÑEIRAS!!

 

 




lunes, 25 de octubre de 2021

A BIBLIOTECA SOCIAL

     O Servizo do Sistema de Bibliotecas, dependente da Secretaría Xeral de Cultura, organizou a III Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia 2021 o 25 de outubro, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

   Baixo o lema Biblioteca Social, trataron o papel das bibliotecas para a integración e cohesión social, especialmente en tres vertentes: a integración de persoas ou colectivos con especiais dificultades, o fomento das relacións interxeracionais e a participación cidadá.

  Mónica Carballo, a nosa compañeira bibliotecaria da BPM de O Saviñao, participou na Mesa de Experiencias A biblioteca participativa e aberta a todas as idades.

  Podedes ver a súa intervención a partir do minuto 1:33 na que fala de actividades realizadas na súa biblioteca e de actividades do noso Colectivo.

 

 

viernes, 22 de octubre de 2021

DÍA DA BIBLIOTECA - 2021

    O Día da Biblioteca é unha data importante para o noso colectivo; unha data na que aproveitabamos para reunirnos e compartir mesa e mantel con outras persoas que nos acompañaban nesta xuntanza: representantes políticos, xornalistas, escritores, investigadores...

   Por segundo ano non puidemos compartir ese bocadiño pero isto non impediu que seguísemos con algunhas das actividades que se viñan facendo como a edición dun punto de lectura cun texto agasallo para o Colectivo dun autor/a da nosa comarca.

   Nesta ocasión o texto chegou da man da escritora Noa Moreira do Concello de A Pobra do Brollón que publicou en 2019 o seu primeiro libro Meteoro imantado.


 "Cando ía facer seis anos chegou ao Cole da Pobra un director novo. Paco Castro abriunos  a biblioteca do centro a tódolos nenos e nenas coma unha fiestra a outro mundo.  

Recordo perfectamente que o primeiro libro que lin falaba de bonecas matrioskas que  querían unha familia. E na miña memoria quedou prendido que a última boneca se  chamaba Noa, a máis pequeniña, pero non era así. Seguramente soñaba con ser tamén eu  unha boneca de madeira rusa. 

Máis tarde, viaxei á lúa con Sabela, da man do libro A fantástica viaxe de Sabela, de  Euloxio R. Ruibal, un agasallo do colexio por un conto que escribín. Fascinada é pouco con  tódalos seres que habitaban un lugar que me parecía tan lonxano e tan cercano á vez e que  me gustou e me deu medo ao mesmo tempo dende que era pouco máis ca un bebé. 

Recordo estes dous libros como algo especial: ensináronme que os libros conteñen tódolos  lugares nos que quero estar, tódalas cousas que quero saber e tódolas palabras que aínda  non coñezo".  


   Ademais do punto de lectura que editamos con este texto e que se repartiu entre todxs xs lectores das nosas biblios, a autora respondeu ás preguntas que lle formularon usuarios de diferentes bibliotecas do colectivo tanto públicas como escolares. No seguinte vídeo editado por Úrsula, responsable de comunicación do concello de A Pobra do Brollón, podedes ver esta entrevista e así coñecer un pouco máis a Noa.
 


     Desde o Colectivo so nos queda agradecerlle a Noa o seu agasallo e, por suposto, a súa colaboración con esta conmemoración.
MOITAS  GRAZAS,  NOA!!!
e...  FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS  PARA  TODXS!! 



lunes, 18 de octubre de 2021

DÍA DAS ESCRITORAS 2021: OLGA NOVO

    Para conmemorar o Día das Escritoras, as bibliotecas que formamos o colectivo decidimos dedicar este día á escritora da nosa comarca María Olga Novo Presas (Vilarmao, 1975) pola súa importante traxectoria literaria.


     Este ano a comisaria da conmemoración é a poeta e filósofa Marifé Santiago Bolaños e o tema escollido "ler as idades da vida", por isto as diferentes bibliotecas afondamos no seu texto O pequeno petrucio e a naiciña nena no que comparte lembranzas da infancia. 

    Cada biblioteca traballou o texto durante varios días desde perspectivas diferentes: lectura, tradución, ilustración, investigación... e agora podedes ver o resultado de todos os traballos a continuación. 

FELIZ  DÍA  DAS  ESCRITORAS!!

martes, 24 de agosto de 2021

CANCELACIÓN DA FEIRA DO LIBRO DE MONFORTE

CANCELADA!!! 

 

   O Concello de Monforte decidiu anular súa a Feira do Libro que debería celebrarse a partir de mañá xa que acaba de subir ao nivel máximo de risco sanitario.

 

   Aínda que a Feira ía a celebrarse tendo en conta os protocolos sanitarios, as autoridades municipais e a Federación de Libreiros de Galicia consideraron máis prudente evitar os posibles riscos derivados desta celebración.

 

   Como consecuencia, Monforte quedará sen feira do Libro por segundo ano consecutivo. Esperamos que o ano próximo si que se poida celebrar.




viernes, 13 de agosto de 2021

FEIRA DO LIBRO DE MONFORTE


      A Federación de Libreiros de Galicia prevé celebrar este año a Feira do Libro entre o 25 e o 28 de agosto organizando todos os actos habituais destas xornadas. Deste xeito, se é posible, haberá presentacións de libros e outras actividades incluíndo ás dirixidas ao público infantil. 

    

      A soberina Moncha Prieto que acaba de publicar o libro Alma de Barro. Relatos da Ribeira Sacra (Ed. Xerais),  será a pregoeira desta feira.