jueves, 24 de octubre de 2019

FLORA ENRÍQUEZ: texto agasallo para o Colectivo Lemos Le no Día da Biblioteca 2019


MILAGRITOS

         Tiven o privilexio de nacer nunha vila que tiña biblioteca. Unha tarde da primavera de hai máis de cincuenta anos, o meu avó levoume a coñecela. Estaba situada  nun pazo no centro da parte máis vella da vila. Mira, dicía o meu avó, este é un edificio importante, é un pazo, ten máis de douscentos anos. A coñecida como a  Casa do Castro  era tan grande que, ademais da biblioteca, alí estaban o xulgado, as oficinas municipais e a nosa escola, a escola de nenas, e tamén acollía unha vivenda particular.

No traxecto dende a nosa casa, o meu avó non paraba de lembrarme que nas bibliotecas non se falaba, nin se cantaba, nin se podía saltar polas mesas. É coma na igrexa? Imos a unha misa?, preguntaba eu con certo temor. Non, pero hai que portarse ben

Subimos por unha escaleira que, co tempo, decateime de que era dunha gran suntuosidade, propia dunha casa fidalga, pero daquela apenas reparei nela. Eu  seguía coa   teima de que tiña que estar calada, moi caladiña. Case tiña medo!

Pero os meus temores desapareceron ó entrar. Había alí  outros nenos e nenas, algúns xa mozos, lendo, falando baixiño ou collendo libros dos estantes.  Todos  semellaban  tranquilos e entretidos, pero o que en verdade me tranquilizou foi o sorriso de Milagritos, a bibliotecaria, e a amabilidade coa que nos falaba. Explicounos a historia daquel lugar, ensinounos moitos libros, grandes e pequenos, con debuxos e con  mapas,  e o mellor de todo foi que me fixo un carné de socia. Considereime unha nena importante.

Era certo! Había que estar con respecto, aquel lugar  era case unha igrexa, era un templo onde se agachaban as historias que marcarían a nosa infancia, a nosa adolescencia e case toda a nosa vida. Aquiles, Ulises, o cabalo de Troia, os deuses de Grecia e Roma, a tumba de Tutankamon, os mouros que vivían nos castros, os tesouros incas... foron o centro dos meus soños, e os  doutros moitos nenos e nenas que, ó saírmos da escola, iamos sempre á biblioteca, onde Milagritos nos agardaba cun gran sorriso, e case sempre con algunha lambetada.
                                                                                 
      Flora Enríquez
Día da Biblioteca 2019
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario