martes, 8 de octubre de 2019

DÍA DA BIBLIOTECA 2019

Para conmemorar o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro; organiza por sétimo ano unha cea de confraternidade para todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación. Nesta ocasión, acollerá o acto o Concello de Pantón xa que a homenaxeada deste ano é natural do mesmo.

Con esta conmemoración queremos reivindicar a importancia do papel das Bibliotecas como difusoras de cultura, formadoras de lectores, lugar de encontro e centros de información e recursos.

A cea será o día 26 de outubro na Rectoral de Castillón a partir das 21:30 horas, quen desexe asistir poderá recoller a súa entrada nas Bibliotecas Públicas Municipais de A Pobra de Brollón, Bóveda, Pantón, Saviñao e Sober ou nas bibliotecas escolares do colectivo, no IES Daviña Rey ou no propio restaurante ata o día 18 de outubro incluído a un prezo de 22 €. A cea contará coa actuación da cantante de fados e mornas Eugenia Sanmartín.

Xa que durante esta cea tamén se fará entrega dos premios do VI Certame de Divulgación Mulleres de Lemos: Inés Fernández, abadesa de Eiré. Unha muller para o 8 de marzo; as persoas que o desexen poderán participar nunha visita guiada á Igrexa de San Miguel de Eiré o mesmo día, ás 19:00 horas.

Este ano contaremos coa colaboración literaria de Flora Enríquez que nos agasallará cun texto para conmemorar o Día das Bibliotecas. A súa colaboración súmase á de outros autores da comarca de Lemos que participaron en pasadas edicións: Olga Novo, Manuel Veiga, Lois Diéguez, Ramón Sandoval, Xabier Quiroga e Alicia Fernández.

No hay comentarios:

Publicar un comentario