sábado, 24 de octubre de 2026

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2026

    Para conmemorar o Día das Bibliotecas, que se celebra cada 24 de outubro, desde o Colectivo Lemos Le quixemos volver a reunir persoas vinculadas á cultura, á lectura e á educación da nosa comarca nunha nova xuntanza de confraternidade.

 

   Esta duodécima edición celebrouse en O Saviñao, baixo o lema proposto este ano polo Ministerio de Cultura, «Sen profesionais, non hai bibliotecas», unha chamada de atención sobre a importancia das persoas que traballan cada día para facer das bibliotecas espazos de coñecemento, convivencia, aprendizaxe e acceso á cultura.

 

   No xantar reunímonos mestres, bibliotecarios, libreiros, editores, autores, representantes institucionais e outras persoas comprometidas co mundo do libro e da lectura. Ademais de compartir unha agradable xornada, este encontro permitiunos intercambiar experiencias, estreitar lazos e seguir pensando en novas iniciativas para fomentar a lectura e apoiar as bibliotecas da nosa comarca.



    Ao remate da comida, Mónica Carballo, bibliotecaria da Biblioteca Pública Municipal de O Saviñao e representante do Colectivo, tomou a palabra para agradecer a presenza de todas as persoas asistentes e ler "GALOPE" o poema co que nos agasallou este ano Susana Villaverde galardoada co premio do Certame de Microteatro de Memoria Histórica pola obra Espigas negras baseada na revolta de mulleres que tivo lugar en O Saviñao en 1946 na defensa do gran de centeo que precisaban para dar de comer ás súas familias, así como a súa relación coa loita guerrilleira e a resistencia ante o réxime e os abusos da Garda Civil.

     A xornada volveu demostrar que as bibliotecas son moito máis ca lugares onde se gardan libros: son espazos vivos que conectan persoas, acompañan a aprendizaxe, promoven a igualdade de oportunidades e contribúen ao desenvolvemento cultural e social da nosa contorna. E detrás de todo ese labor están os profesionais que, co seu traballo e compromiso, fan posible que as bibliotecas sigan abertas á cidadanía.

 
 
 

   Desde o Colectivo Lemos Le queremos agradecer a todas as persoas que nos acompañastes nesta nova xuntanza e que compartides connosco a ilusión de seguir traballando a prol dos libros, da lectura e das bibliotecas.

MOITAS GRAZAS!

FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS!

GALERÍA  DE  IMAXES

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario