viernes, 23 de octubre de 2020

MARGARITA RODRÍGUEZ OTERO: texto agasallo para o Colectivo Lemos Le no Día da Biblioteca 2020

  

    Deixou  dito  Vargas Llosa que o mais importante que lle pasara na vida fora aprender a ler.

    Escoitei este dito moitos anos despois de que eu soubera ler de corrido. Isto aprendino axiña, os poucos libros que tiña sabíaos case de memoria. O primeiro libro que tiven fora un agasallo de meu tío e padriño Ignacio Otero, cando os Reis me deixaban xoguetes, el traíame un libro, que segundo me dicía, deixárano na súa casa para min. O seu título  era “Dungali  ricitos menudos”. Na primeira páxina, esa que adoita estar en branco, escribiu “ Que este libriño sexa   o primeiro de moitos outros que tes que ler en toda a túa vida, teu padriño que te quere moito Ignacio”. Non lembro cantas veces lin aquela historia do neno negro, que primeiro  pasábao mal e despois  remataba ben. Cheguei a sabela de memoria. Meu padriño acertara, os poucos cartos que podía xuntar  sempre ían destinados a facer  mais grande a miña incipiente biblioteca.

   Parte do verán case sempre o pasaba na casa de un dos meus avós, no Fabeiro ou en Reboredo. Daquela aínda se levaba facer as  regueifas, entre os mozos de dúas aldeas veciñas. Meu tío Luís do Fabeiro sempre dicía “A pequena que veña con nos ”. Cando lle tocaba a eles responder ós mozos do Mato dicíame......  veña dilles que somos mellor que a eles, e eu inventaba algo así como: “Os rapaces do Mato falan mal dos  do Fabeiro , e non saben que estes son o mellor do mundo enteiro”  . Tería eu arredor de dez anos, e  pasábao   moi ben con esas lerias, aínda me facían  sentir alguén importante.

    Pouco despois comecei a facer versos para que as nenas os recitaran  na festa da Virxe María,  en Baamorto, onde, de moi noviña, estiven de mestra un tempo. Perdinos nos cambios de casa pero algún deles inda os sei de memoria. Sempre pensei que alí comezara a miña andaina como poeta.

    Outra frase que  nunca esquecerei, foi o que escribiu José Luís Sampedro no seu libro “Escribir es vivir” e di así “Que a escritura saia de dentro que responda a unha necesidade interior”

    Eu sempre sentín esa necesidade de escribir, era coma si tivera algo que dicir e non tivera tempo para dicilo. A vida levoume por outros camiños e ata que me xubilei da miña profesión, non puiden dedicarme de cheo a escribir e a  investigación histórica a miña gran paixón, para descubrir  e  contar o que ata daquela fora descoñecido, de calquera feito importante acontecido no noso pasado.

   Hoxe mentres escribía estas liñas botei unha ollada o cuarto onde estou, as catro paredes están cheas de estantes con libros, a mais teño outros tantos noutra estancia. Meu padriño sentiríase contento de ver como medrou a biblioteca que empezou co seu agasallo de Nadal.

   Onde me atopo mellor  e cando sinto como si  os libros me deran unha agarimosa aperta, e todo meu corpo responde cun berro que di.... ¡Quérovos meus amigos non sabería vivir sen vos!

    De súpeto lembro  unha frase de José Luís Borges, outro gran escritor que di: “Un non é o que é polo que deixou escrito se non polo que ten lido.          

 

      Margarita R. Otero para Lemos Le, colectivo  a quen temos que agradecer  o seu grande  interese pola cultura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario