jueves, 5 de octubre de 2017

Visita do CEIP da Pobra do Brollón á BPM do Saviñao

     O día 4 de outubro a Biblioteca Pública Municipal do Saviñao recibiu a visita duns magníficos alumnos do CEIP da Pobra do Brollón.
     Aproveitando que os máis maiores facían un tramo do Camiño de Inverno nas proximidades, os máis pequenos visitaron a biblioteca e coñeceron tamén un pouco o que é a Ribeira Sacra.
     Despois desta excursión a través das paredes da biblioteca, sentáreonse para unha sesión de contos. Nela, viron algúns dos contos que foron prohibidos hai uns anos en Venecia (Italia) e intentaron descobrir por que alguén decidiu que os había que prohibir. O certo é que non atoparon ningunha razón lóxica; a opinión maioritaria foi que eran unhas historias moi bonitas.
Escoitamos varios contos, algúns dos cales foron prohibidos:
A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza,
A cousa que máis doe do mundo, Orellas de bolboreta,
Nadarín, La tortilla corredora,...
     Como eran moi lectores, algún dos contos xa os coñecían pero quixeron volvelos escoitar. Tamén se lles fixeron poucos, xa que pediron "máis", así que escolleron algún dos que hai na Casiña dos Ratos, que non foi prohibido en ningún sitio (que saibamos).
Cadaquén fai un debuxo inspirado nos contos que escoitamos.
     Rematamos facendo cadaquén un debuxo do conto que máis lle gustou. Os debuxos decoran a parede do Rincón dos contos da Sala Infantil da biblioteca.
Amosando os marabillosos debuxos que decoran agora
a Sala Infantil da Biblioteca Municipal do Saviñao
O tempo non deu para máis, pero na Biblioteca do Saviñao agárdanvos de novo.
Grazas pola vosa visita!

No hay comentarios:

Publicar un comentario