sábado, 8 de marzo de 2014

BASES DO I CERTAME MULLERES DE LEMOS

I Certame de Divulgación Mulleres de Lemos

      O Colectivo Lemos Le convoca esta primeira edición do Certame de Divulgación Mulleres de Lemos coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes ha historia das Terras de Lemos.

     Cada ano escollerase a figura dunha muller que fora relevante na historia das Terras de Lemos, que nacera, vivira ou morrera na comarca, ou cuxa vida estivera moi relacionada con ela.

Intentarase que cada convocatoria sexa adicada a unha muller dunha localidade diferente.

    Este certame rexerase polas seguintes bases:

Primeira.- O certame deste ano versará sobre a figura de Inés de Castro.

Segunda.- Establécense 2 modalidades:

a. Banda deseñada para participantes de 12 a 18 anos, e

b. Traballo de divulgación en calquera xénero literario para participantes a partir de 18 anos.

Terceira.- Poderá concorrer a este certame calquera persoa que presente o seu traballo en lingua galega. Só se poderá presentar un traballo por persoa.

Cuarta.- Os traballos presentados ademais de seren inéditos e totalmente orixinais, non poderán ter sido publicados ou divulgados en todo ou en parte por calquera medio físico ou electrónico. Os traballos presentados deberán aterse á

a. extensión mínima de 2 páxinas e máxima de 4 páxinas para Banda deseñada e en branco e negro

b. extensión mínima de 10 páxinas e máxima de 25 páxinas para Traballo de divulgación,  en tamaño de folio DIN A4 mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12.

Quinta.- Cada un dos traballos presentarase nunha copia en papel e nunha copia en formato dixital (tiff, jpg, doc ou pdf). Non se admitirán manuscritos do Traballo de divulgación.

Sexta.- O prazo de presentación rematará o 30 de maio. Os traballos serán presentados en calquera biblioteca municipal ou escolar dos centros educativos da comarca de Lemos integrados no colectivo Lemos Le, convocantes do certame (Bibliotecas Municipais de: Bóveda, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Sober; Bibliotecas Escolares dos centros A Gándara, Colexio Novo e Colexio Infanta Elena de Monforte de Lemos, Virxe do Carme de Sober, CEIP A Pobra do Brollón; e biblioteca do IES Daviña Rey de Monforte de Lemos).

Sétima.- Os traballos presentaranse nun sobre pechado, identificados por un lema ou título e asinados cun pseudónimo. Noutro sobre en cuxo exterior figure o pseudónimo, incluirase unha folla co nome, apelidos e NIF, os enderezos postal e electrónico e os teléfonos de contacto da persoa autora do traballo de xeito que lle facilite á organización pórse en contacto con ela. As persoas menores de idade deberán achegar a autorización dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal (ANEXO I).

No caso de remitirse as obras por correo postal a calquera das bibliotecas indicadas na base sexta, indicarase no sobre claramente “para participar no Certame de Divulgación Mulleres de Lemos”.

Oitava.- O xurado estará formado por 3 persoas entendidas na materia. O premio único outorgarase por maioría simple de votos. Actuará como secretario/a do xurado con voz pero sen voto unha persoa designada polo colectivo Lemos Le.

Novena.- Calquera incidencia ocasionada pola interpretación destas bases será solucionada pola maioría simple dos membros do xurado. A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer ó longo dos meses de xuño ou xullo.

Décima.- Concederase un único premio en cada categoría, segundo o criterio do Xurado. O xurado poderá declarar deserta algunha das categorías ou nomear un accésit por categoría se a calidade dos traballos presentados fai que así o estime oportuno.

Os premios consistirán en: diploma, 1 lote de libros, cea para dúas persoas e 1 lote de produtos da Ribeira Sacra.

Undécima.- A entrega do premio terá lugar nun acto público que se celebrará o 24 de outubro, Día das Bibliotecas.

Duodécima.- As obras gañadoras quedarán en propiedade do Colectivo Lemos Le. Os orixinais non premiados poderanse recuperar con cargo ás persoas autoras concorrentes, pasados 15 días da data de entrega de premios. Os orixinais que non fosen retirados neste prazo destruiranse.

Décimoterceira.- O Colectivo Lemos Le ten a potestade de publicar unha antoloxía coas mellores obras presentadas ó concurso, para o cal, cada participante polo mero feito de se presentar, concede autorización tácita ó colectivo para a publicación do seu orixinal.

Décimocuarta.- A participación neste certame supón a completa aceptación das presentes bases e máis das decisións do xurado que se designe.

Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2014


ANEXO I

Autorización de participación para menores de idade

Don/a___________________________________con DNI núm. ________________, como representante legal de ____________________________________, menor de idade, doulle a miña autorización para presentarse ó Certame de Divulgación Mulleres de Lemos.__________________, ____ de ___________________ de 2014


Don/a___________________________________con DNI núm. ________________, como representante legal de ____________________________________, menor de idade, doulle a miña autorización ao Colectivo Lemos Le a reproducir e distribuír as imaxes do meu fillo/a derivadas da súa intervención nas actividades arriba mencionadas, en calquera dos formatos existentes, tanto clásicos (prensa, televisión, vídeo, DVD, etc.) como relacionados cos novos medios informáticos de redes de telecomunicación (páxinas de internet e blogs)

jueves, 6 de marzo de 2014

INÉS DE CASTRO. UNHA MULLER PARA O 8 DE MARZO - Centros de Primaria

     En cada un dos trece centros educativos públicos e concertados da nosa comarca, desenvolveuse o obradoiro Inés de Castro. Unha muller para o 8 de marzo en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) dentro da programación organizada pola Concellería de Igualdade.

    Este obradoiro desenvolveuse en dúas vertentes. Primeiro fíxose un traballo de reflexión sobre os dereitos das mulleres e a loita e defensa deles a través da vida de Inés de Castro; para este efecto Lucía do CIM elaborou unha presentación moi clara na que se resume a súa vida e a súa historia.


    A continuación, plasmouse en imaxes esta historia de tal xeito que cada un dos centros participantes aportou unha ilustración para o libro.
    
    O resultado é un precioso conto medieval con ilustracións do alumnado escolar do Val de Lemos que poderá ser publicado pero de momento pode verse no seguinte enlace:

   Foi unha actividade lúdica e didáctica para aprender historia, mellorar a educación documental, valorar o propio e divertirse ao mesmo tempo que tivo repercusión na prensa da comarca.


I CERTAME MULLERES DE LEMOS

    Coincidindo co Día Internacional da Muller que se celebra o 8 de marzo e coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos; convocamos a I Edición do Certame de Divulgación Mulleres de Lemos que este ano versará sobre a figura de Inés de Castro.
 
   Para este certame establécense dúas modalidades: 
- Banda deseñada de 12 a 18 anos
- Traballo de divulgación en calquera xénero literario a partir dos 18 anos.
    Os traballos poderán presentarse en calquera das bibliotecas integrantes deste colectivo ata o día 30 de maio.

jueves, 6 de febrero de 2014

REUNIÓN DO COLECTIVO 13/2/2014

LUGAR: A Troula

HORA: 20:00 horas

ORDE DO DÍA:
1) Organización de materiais e actividades para o 8 de marzo sobre Inés de Castro
2) Redacción das bases do certame
3) Xurado do certame: psibles membros e comunicación con eles
4) Certame de investigación/divulgación
5) Rogos e preguntas

jueves, 19 de diciembre de 2013

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA NADAL - 2013

    Achéganse as vacacións de Nadal e desde o colectivo publicamos algunhas recomendacións lectoras para este tempo.

   BO NADAL!



jueves, 21 de noviembre de 2013

REUNIÓN DO COLECTIVO 28/11/2013

LUGAR: A Troula

HORA: 20:00 horas

ORDE DO DÍA:
1) Día da Muller: creación do certeme Mulleres de Lemos
2) Posibilidade de convocatoria dun certame comarcal de narración oral
3) Recomendacións lectoras de Nadal
4) Consorcio editorial: posibilidade dun depósito de libros para organizar actividades no día do libro ou no día das letras galegas
5) Rogos e preguntas

jueves, 24 de octubre de 2013

MANUEL VEIGA : O ESCRITOR FALA DOS LIBROS.


  Non existe nunca unha única causa que explique porque unha persoa chega a converterse en escritor.
Eu, se miro na miña biografía, encontro, non unha única causa de que hoxe sexa escritor, pero si a causa principal.
Arredor de 1970, o Ministerio de Educación y Ciencia destinou á Escola de Diomondi (O Saviñao), na que eu estudaba, un lote de 140 libros. Ao ano seguinte volveu destinar, á mesma escola, outro lote, esta vez de 400 libros. Podía ter sido un televisor, como lle tocou a outras escolas, pero á de Diomondi tocáronlle dous lotes consecutivos de libros. En total, máis de 500 títulos diferentes. Iso cambiou a miña vida. E non só a cambiou, esa biblioteca foi e será para sempre parte da miña vida. Podo vela agora mesmo cos ollos pechados e podo ver aínda o lugar que ocupa case cada libro. Por suposto lembro os seus cheiros diferentes e podería dicirvos os títulos, non de todos, pero si de bastantes dos libros que había alí e que eu lin, en longas tardes de chuvia e tamén en días de sol e sesta, sobre unha manta, baixo os carballos. A natureza estaba moi próxima e eu, entre o estudio e os xogos, pasaba tamén as horas da infancia lendo. Desde o simplemente entretido “Oscar espía atómico” a “Robinson Crusoe” e “Tom Sawyer”. Ou “Casa de Bonecas” de Ibsen que lin pensando que era para nenos e da que non entendín nada, aínda que é unha marabillosa obra de teatro que volvín reler de maior. Alí estaban desde os libros de Enid Blyton ou de Verne, até “A montaña máxica” de Thomas Mann ou “Cinco horas con Mario” de Delibes.
Non podían faltar, por suposto, títulos como “Franco, ese hombre”, pero tamén estaban “As crónicas do sochantre” de Cunqueiro, en versión castelá. O único libro en galego que había era “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro, a pesar de que o galego era o idioma da totalidade dos nenos e nenas da escola. Pero, en fin... Xa sabedes: No impongamos el gallego que ya nos impusieron antes el castellano y no queremos tener que repetir el trabajo.
Aquela biblioteca, instalada nunha cómoda que antes gardara sabas e mantas e cuxas portas renxían como o eixo dun carro, foi para sempre o meu tesouro. Ampliou incribelmente a miña mirada. Fun feliz alí, cos meus pais, cos campos para correr e xogar ao fútbol, entre os labregos aos que lles debo a lingua que agora uso e entre aqueles dous lotes de libros entregados polo Ministerio de Educación y Ciencia.


Manuel Veiga 

Agradecemos a Manuel Veiga este texto, agasallo para o Colectivo Lemos Le no Día da Biblioteca - 2013