jueves, 13 de octubre de 2022

DÍA DA BIBLIOTECA 2022


        Unha data importante para nós é o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro. Para conmemorala retomamos, despois de dous anos de paro obrigado pola Covid, a organización dunha cea de confraternidade para todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación coa intención de reivindicar a importancia do papel das Bibliotecas como difusoras de cultura, formadoras de lectores, lugar de encontro e centros de información e recursos.

Esta oitava xuntanza celebrarase este ano no Concello de Monforte de Lemos despois de percorrer xa todos os concellos da comarca.

Como novidade, despois da cea celebraremos un evento literario aberto a calquera persoa que desexe compartir con nós un texto propio de calquera xénero cun duración máxima de 3 minutos. A efectos de organización as persoas que queiran participar deberán apuntarse nas bibliotecas do colectivo.

A cea será o día 22 de outubro no Restaurante Bistró a partir das 21:00 horas, quen desexe asistir poderá recoller a súa entrada nas Bibliotecas Públicas Municipais de A Pobra de Brollón, Bóveda, Pantón, Saviñao e Sober ou nas bibliotecas escolares do colectivo, a un prezo de 35 €.

Ademais este ano contaremos coa colaboración literaria de Antón Lopo que nos agasallará cun texto para conmemorar o Día das Bibliotecas. A súa colaboración súmase á de outros autores da comarca de Lemos que participaron en pasadas edicións como Olga Novo, Manuel Veiga, Lois Diéguez, Ramón Sandoval, Xabier Quiroga, Alicia Fernández, Flora Enríquez, Noa Moreira e Margarita R. Otero.


lunes, 16 de mayo de 2022

LETRAS GALEGAS 2022 - Florencio Delgado Gurriarán

   Desde o Colectivo Lemos Le, quixemos homenaxear a Florencio Manuel Delgado Gurriarán ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

 

   Para iso, elaboramos este vídeo no que poderemos descubrir varios datos sobre a súa biografía e ver os videopoemas elaborados por diferentes bibliotecas do colectivo.



lunes, 8 de noviembre de 2021

PREMIO MARÍA MOLINER

    A biblioteca Pública Municipal de Sober que pertence a este colectivo, recibiu o seu sétimo premio Nacional María Moliner co seu programa Sober coa lectura que inclúe actividades para nenos e adultos.

 

       Este premio ten por obxectivo premiar ás bibliotecas de municipios que leven a cabo un proxecto único que inclúa as accións de animación á lectura, eficiencia e labor bibliotecaria, integración social na súa comunidade e uso das novas tecnoloxías

 

PARABÉNS  COMPAÑEIRAS!!

 

 




lunes, 25 de octubre de 2021

A BIBLIOTECA SOCIAL

     O Servizo do Sistema de Bibliotecas, dependente da Secretaría Xeral de Cultura, organizou a III Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia 2021 o 25 de outubro, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

   Baixo o lema Biblioteca Social, trataron o papel das bibliotecas para a integración e cohesión social, especialmente en tres vertentes: a integración de persoas ou colectivos con especiais dificultades, o fomento das relacións interxeracionais e a participación cidadá.

  Mónica Carballo, a nosa compañeira bibliotecaria da BPM de O Saviñao, participou na Mesa de Experiencias A biblioteca participativa e aberta a todas as idades.

  Podedes ver a súa intervención a partir do minuto 1:33 na que fala de actividades realizadas na súa biblioteca e de actividades do noso Colectivo.

 

 

viernes, 22 de octubre de 2021

DÍA DA BIBLIOTECA - 2021

    O Día da Biblioteca é unha data importante para o noso colectivo; unha data na que aproveitabamos para reunirnos e compartir mesa e mantel con outras persoas que nos acompañaban nesta xuntanza: representantes políticos, xornalistas, escritores, investigadores...

   Por segundo ano non puidemos compartir ese bocadiño pero isto non impediu que seguísemos con algunhas das actividades que se viñan facendo como a edición dun punto de lectura cun texto agasallo para o Colectivo dun autor/a da nosa comarca.

   Nesta ocasión o texto chegou da man da escritora Noa Moreira do Concello de A Pobra do Brollón que publicou en 2019 o seu primeiro libro Meteoro imantado.


 "Cando ía facer seis anos chegou ao Cole da Pobra un director novo. Paco Castro abriunos  a biblioteca do centro a tódolos nenos e nenas coma unha fiestra a outro mundo.  

Recordo perfectamente que o primeiro libro que lin falaba de bonecas matrioskas que  querían unha familia. E na miña memoria quedou prendido que a última boneca se  chamaba Noa, a máis pequeniña, pero non era así. Seguramente soñaba con ser tamén eu  unha boneca de madeira rusa. 

Máis tarde, viaxei á lúa con Sabela, da man do libro A fantástica viaxe de Sabela, de  Euloxio R. Ruibal, un agasallo do colexio por un conto que escribín. Fascinada é pouco con  tódalos seres que habitaban un lugar que me parecía tan lonxano e tan cercano á vez e que  me gustou e me deu medo ao mesmo tempo dende que era pouco máis ca un bebé. 

Recordo estes dous libros como algo especial: ensináronme que os libros conteñen tódolos  lugares nos que quero estar, tódalas cousas que quero saber e tódolas palabras que aínda  non coñezo".  


   Ademais do punto de lectura que editamos con este texto e que se repartiu entre todxs xs lectores das nosas biblios, a autora respondeu ás preguntas que lle formularon usuarios de diferentes bibliotecas do colectivo tanto públicas como escolares. No seguinte vídeo editado por Úrsula, responsable de comunicación do concello de A Pobra do Brollón, podedes ver esta entrevista e así coñecer un pouco máis a Noa.
 


     Desde o Colectivo so nos queda agradecerlle a Noa o seu agasallo e, por suposto, a súa colaboración con esta conmemoración.
MOITAS  GRAZAS,  NOA!!!
e...  FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS  PARA  TODXS!!