jueves, 18 de diciembre de 2014

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O NADAL - 2014

   Outro nadal máis queremos compartir as nosas recomendacións lectoras para esta época do ano; así que le tamén en Nadal.




miércoles, 17 de diciembre de 2014

PUBLICACIÓN DO CONTO INÉS DE CASTRO. UNHA MULLER PARA O 8 DE MARZO

    O pasado curso; organizamos desde o Colectivo coa colaboración do CIM de Monforte o proxecto Inés de Castro. Unha muller para o 8 de marzo no que cada un dos trece centros participantes elaborou unha ilustración representativa dunha etapa da vida de Inés de Castro.
  
    Como resultado do traballo no que os nenos e nenas mostraron gran creatividade ilustrando a historia desta muller; vimos de asistir á presentación do conto titulado como o proxecto: Inés de Castro. Unha muller para o 8 de marzo. 

     O CIM foi o encargado de maquetar o conto e xestionar a subvención do Fondo Social Europeo que permitiu  a súa publicación; polo que desde o colectio queremos agradecer públicamente a súa xestión. 

     Ana Casal, Concelleira de Igualdade de Monforte, como representante do CIM foi a encargada de entregar aos alumnos e alumnas dos diferentes centros e as bibliotecarias das Bibliotecas públicas municipais varios exemplares dos libros editados.

Podes ver o libro premendo na imaxe:


LEMOS LE. BIBLIOTECAS E LIBRARÍAS UNIDAS POR E PARA A LECTURA

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica o nº 68 da súa Revista Galega do ensino, EDUGA

    Entre as diferentes seccións, a de BIBLIOTECAS ESCOLARES acolle un bo número de artigos que permiten coñecer experiencias en distintos centros, sexa sobre o desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinar ou sobre actividades máis centradas no fomento da lectura; outros artigos constitúen un percorrido polo conxunto de actividades que deseñan, cumprindo así o seu papel de centros de lectura, información e aprendizaxe...  

   Un destes artigos está adicado ao noso colectivo. Está asinado polas coordinadoras das bibliotecas escolares de A Gándara e Sober e trata das iniciativas levadas a cabo e do traballo realizado polo colectivo Lemos Le para unificar esforzos no impulso do mundo dos libros e da lectura.

   Podes ler o artigo premendo no seguinte enlace:

Lemos Le. Bibliotecas escolares unidas por e para a lectura.


martes, 2 de diciembre de 2014

REUNIÓN DO COLECTIVO 9/12/2014

LUGAR: IES Daviña Rey

HORA: 20:00 horas

ORDE DO DÍA:
1) Recomendacións lectoras de Nadal
2) Certame Mulleres de Lemos
3) Actividades nos centro arredor de María Castaña
4) Rogos e preguntas

jueves, 23 de octubre de 2014

OLGA NOVO: UNIVERSO DE LIBROS, UNIVERSO DE VACAS



UNIVERSO DE LIBROS, UNIVERSO DE VACAS

    O célebre escritor arxentino Jorge Luis Borges imaxinou o Universo baixo a forma dunha biblioteca. E soñou tamén cun libro de area que non tiña fin. Eu sempre soñei coa inmensa bibioteca de Alexandría que chegou a conter milleiros de papiros que tiñan, enroledado, todo o saber da Antigüidade.
    
    Pero o meu universo da infancia non tiña libros. O meu universo da infancia tiña vacas. Tamén ovellas, coellos, cans... pero sobre todo vacas. O meu cuarto estaba xusto enriba da corte e escoitaba nas frías noites do inverno, tapada ata os olliños, o son das cadeas ás que estaban presas as vacas e oía os seus bufidos, a súa respiración e as queixas daquelas que estaban a piques de parir.

   Adormecía co seu alento e espertaba tamén co muar madrugador dalgunha delas que xa pedía que a munguiran. O caso é que aquel meu cuarto, xa na mocidade, empezou a albergar algúns libros, exemplares de poesía, libros de historia, manuais de feminismo, biografías, novelas de Tolstoi e Flaubert, humildes edicións baratas dos clásicos, libros mercados cos aforriños e libros regalados con xenerosidade, xoia do ouro do pracer máis prezado; e a inmensa biblioteca entraba no meu cuaro polos soños. Eu acariñaba aqueles libros coma se fosen xentes queridas e debruzada na madrugada sobre as súas páxinas viaxei polo mundo sen saír da pequena aldea, do pequeno cuarto, da pequena cama desde onde oía respirar ás vacas.

   E así foi como aqueles libros do meu cuarto recibiron o profundo perfume das vacas que vivían xusto debaixo e o tecido de papel impregnouse para sempre daquel olor. Aqueles libros viaxaron en maletas a Santiago, á Coruña e mesmo algúns deles viñeron canda min vivir sete anos na Bretaña. Mais ningunha viaxe, ningún lugar, foi capaz de lle arrebatar o perfume: nin o mar da Coruña nin a marusía bretoa se impuxeron ao olor da herba e do alento das vacas.

    Por iso o meu universo de libros foi e será sempre un universo de vacas: a alta cultura leva para min o perfume labrego, o olor potente e profundo da máis fonda sabiduría do pobo.

Olga Novo

Agradecemos a Olga Novo este texto, agasallo para o Colectivo Lemos Le no Día da Biblioteca - 2014
 

CEA DE CONMEMORACIÓN DO DÍA DA BIBLIOTECA - 2014


Por segundo ano o noso colectivo celebrou unha cea para conmemorar o Día da Biblioteca.
   Ademais nesta ocasión, fíxose entrega dos premios do I CERTAME MULLERES DE LEMOS: INÉS DE CASTRO. UNHA MULLER PARA O 8 DE MARZO.

    A xornalista Manola Porto, como portavoz do xurado deste certame; foi a encargada da lectura da Acta dando a coñecer así os gañadores os cales recibiron os correspondentes premio da man dos alcades de Sober, Monforte de Lemos e A Pobra de Brollón.
 
    Os premiados foron:

Xosé Martínez Rodríguez. 1º premio Certame Divulgación polo seu traballo Pequena historia dunha raíña de Lemos

- Víctor Domínguez Fernández. 1º premio Banda deseñada

- Cristina Fernández Silvosa  e María Armesto Luaces. Accésit Banda Deseñada.

   Ao remate do acto, Antón Vidal, representante do colectivo leu un fermoso tecto que a escritora Olga Novo nos adicou para este evento.

   Tamén foi presentada II Edición do Certame Mulleres de Lemos adicado nesta ocasión a María Castaña, a líder da revolta medieval que se produciu en Cererixa (A Pobra de Brollón) coa intención de seguir potenciando a investigación e difusión da cultura na nosa comarca.


  O colectivo quedou moi contento con esta cea de conmemotación que como na primeira ce acelbrada contou tamén contou con moita asistencia e foi recollida na prensa da comarca.


martes, 21 de octubre de 2014

INÉS DE CASTRO. UNHA MULLER PARA O 8 DE MARZO - Centros de Secundaria e Adultos

     O I Certame Mulleres de Lemos, convocou a modalidade de Banda Deseñada para a poboación de 12 a 18 anos e a modalidade Divulgación para maiores de 18 anos.

    Coa modalidade de banda deseñada, esta convocatoria tratou de de implicar ao alumnado de Secundaria e Bacherelato nunha actividade multidisciplinar na que tiveron que facer un traballo artístico e creativo para o que precisaron unha documentación previa, a adaptación da historia medieval ao formato de banda deseñada e a realización da BD para presentala ao certame.

      Esta iniciativa tivo unha boa aceptación entre a poboación escolar e entre o profesorado de plástica o que deu como resultado traballos de alta calidade motivo polo cal habilitáronse dous accésits ademais do premio principal. 

       Os premiados foron:
 
- Víctor Domínguez Fernández. 1º premio

- Cristina Fernández Silvosa  e María Armesto Luaces. Accésit


     A modalidade de divulgación,  canalizouse a través das Bibliotecas Públicas Municipais. O traballo de divulgación pode presentarse en calquera xénero literario.

   O traballo premiado foi a narración de Xosé Martínez Rodríguez: Pequena historia dunha raíña de Lemos
 
    Para a seleción dos traballos en ambas modalidades contamos cun bo xurado formado por xornalistas, historiadores e artistas da comarca aos que lles queremos agradecer a súa colaboración.
·         Ángel Arnaiz González
·         Sara Álvarez Otero
·         Manola Porto Arias
                              ·         Humberto Loureiro Argullós

     Tamén agradecemos aos Concellos de A Pobra de Brollón, Bóveda, Monforte de Lemos, O Saviñao e Sober así como ao Centro do Viño, A Troula e ás librerías Agrasar e Fénix a súa doazón dos premios.