domingo, 26 de octubre de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2025

   Para conmemorar o Día das Bibliotecas que se celebra o 24 de outubro; o noso colectivo volveu a organizar un xantar de confraternidade no que nos reunimos persoas de todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación da nosa comarca.

    Esta décimo primeira xuntanza celebrouse no Concello de Sober baixo o lema proposto para este ano polo Ministerio de Cultura "Contra a desinformación: bibliotecas" que ten a intención de destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas na loita contra a desinformación.

   Neste xantar unímonos mestres, bibliotecarios, librarías, editores, autores, xornalistas, responsables políticos... e, ademais de pasalo ben, este momento de convivencia e diálogo fixo que xurdiran novas ideas e iniciativas para seguir fomentando a lectura e as bibliotecas.


    Ao rematar a comida, tomou a palabra Toño Vidal representante do Colectivo para dar grazas a todos os asistentes ao xantar. Especialmente a Manola Porto, xornalista de Onda Cero que sempre dá visibilidade ás nosas actividades e ás das bibliotecas da comarca, a Moncha Prieto por agasallarnos cun texto inédito e a Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, por acompañarnos e apoiarnos neste xantar.

   A continuación, puidemos escoitar ao alcalde de Sober que puxo de manifesto a importancia que desde o Concello se lle dá á dinamización da cultura e ao papel da Biblioteca Pública Municipal e da biblioteca do colexio.

   Ademais, como noutras ocasións, volvemos a editar un marcapáxinas para conmemorar o Día das Bibliotecas. Este ano o texto do marcapáxinas "O tesouro da miña avoa" foi agasallo da escritora soberina Moncha Prieto, autora do libro Alma de Barro. Relatos da Ribeira Sacra. No xantar, puidemos escoitalo na voz de Leticia Sáez, compañeira de club de lectura da propia autora. 


   Despois foi Moncha Prieto a que compartiu con nós outro relato seu: "Libros, camelias e as rosas da avoa". Un relato autobiográfico que nos levou ás lembranzas da súa infancia e que podedes ler no seguinte enlace.


   
    Para rematar, Mayte Gómez, autora do libro Mis dos «yos», tamén quixo compartir con nós un pequeno texto que escribiu para este día.

     E para seguir loitando contra a desinformación, despois deste xantar publicamos o primeiro número do xornal Lemos Le Novas que se estrea coa seguinte nova: "Bibliotecarios, mestres, libreiros e outros axentes culturais reúnense en Sober para conmemorar o Día das Bibliotecas"


MOITAS  GRAZAS  A TODOS  OS  QUE  NOS  ACOMPAÑASTES  NESTA XUNTANZA!!

FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!


GALERÍA  DE  IMAXES


sábado, 25 de octubre de 2025

MONCHA PRIETO: Libros, camelias e as rosas da avoa

   Compartimos nesta entrada o texto con que a autora soberina Moncha Prieto, nos sorprendeu na comida do Día das Bibliotecas e que ela mesma nos leu no xantar de confraternidade que celebramos en Sober.


   No día das bibliotecas, o lugar onde viven os libros, a lembranza lévame, inevitablemente, aos eidos da infancia.

    Nacín nunha casa de aldea, unha casa humilde na que non había libros. Nesa casa, hoxe, hai andeis repletos de exemplares que foron multiplicándose ao longo do tempo, que viaxaron comigo dende terras catalás cando, despois dun periplo circular, a vida me trouxo de volta á terra, á miña casa. Hai un lugar especial para os meus preferidos: os asinados polos autores, os que nun momento da miñas vida conseguiron transmitirme unha emoción especial, e os que foron agasallo de persoas que deixaron pegadas no meu camiño vital.

    Na miña casa tampouco había Camelias. A avoa tiña unha roseira (caraveleira lle chamaba ela) na aira, plantada ao borde da parede, para non restar espazo útil. Sempre pensei que era un dos poucos luxos que se permitía. As nogueiras, mazairas, pereiras, cerdeiras, figueiras, daban froitos, as roseiras non, só ofrecían rosas. Coma un milagre da natureza, sobreviviu moitos anos. Aínda segue no mesmo lugar e nalgún outro ao que conseguín levar algún esgallo.

    As camelias hoxe comparten espazo coa roseira da miña avoa, símbolo do libro. Hai tres árbores de flores diferentes. Unha de cor rosa intensa, outra mestura de rosa e branca e a miña favorita, a camelia branca, Alba Plena.

    Descubrir as camelias por primeira vez foi un acontecemento que me deixou varada. Aquela marabilla visual fíxome pensar na soidade da roseira da avoa e na aira cativa da miña casa. Como alguén podía ter unha aira tan grande? E as árbores, altas coma carballos, ateigadiñas de rosas? Non son rosas, son camelias, díxome o meu tío Pepe. Ven, imos a ver o mar dende o xardín. E despois vaiche ensinar a biblioteca.

- Ernesto é o dono desta casa?

- Non. É o encargado de manter todo en orde para cando veñen os señores. Isto é un pazo, onde viven persoas con moito diñeiro.

   Fomos ver o mar dende aquela atalaia. Quedei aloulada pola contemplación. Pareceume que era unha postal que alguén pintara para min.

   Ernesto levounos ata a biblioteca. Un salón inmenso cheo de andeis con libros, centos, miles de libros. Algúns estaban tirados no chan, abertos, boca a baixo, coas páxinas humilladas entre o po, esquecidos, desprezados. Sentín mágoa, unha mágoa fonda, tan fonda que esa imaxe quedoume tatuada na memoria. Eu non tiña libros e aqueles señores potentados deixábanos tirados no chan.

   Ernesto díxome que podía levar para a casa todas as camelias que se me antollasen. Volvín a Redondela, á casa do meu tío, cargada cun mangado multicolor daquelas flores que me engaiolaban. Dende aquel día, a beleza das camelias, lévame á imaxe de aqueles libros, tirados no chan de madeira nobre, cheos de esquecemento e de inxustiza.

    Por iso, neste día, sinto un especial orgullo de ser dona de tres camelios que medran con lentitude, dun bo feixe de libros e da roseira da miña avoa. Este galano, envolto en nostalxia e cariño, é unha ofrenda de xustiza para a nena que fun.



jueves, 23 de octubre de 2025

Día da biblioteca en MÁS DE UNO Monforte (Onda Cero)

    Manola Porto, entrevista no seu programa Más de uno Monforte de Onda Cero á nosa compañeira Julia Fernández Garza que é bibliotecaria da Biblioteca Pública Municipal de Sober, para falar sobre a celebración do Día das Bibliotecas.

     Podedes escoitar a súa entrevista no seguinte enlace a partir do minuto 1:15:00



MOITAS  GRAZAS A  ONDA  CERO  POR  FACERSE  ECO  DA  NOSA  CELEBRACIÓN!

MONCHA PRIETO: Texto agasallo para o Colectivo Lemos Le (Día das Bibliotecas 2025)


 O tesouro da miña avoa

  Cando entro na sección infantil dunha biblioteca, inevitablemente penso na ledicia que sentiría, nese mundo máxico, a nena que fun, a nena que non tiña libros, a nena que devecía por ler.

   A avoa non sabía escribir, tampouco ler, máis tiña un libro que a nena non descubrira. Un día, empurrada pola curiosidade, decidiu baixar á bodega, un lugar restrinxido para ela. Batéronlle os ollos cun nicho na parede de pedra. Rebuscou dentro, topou con el. Colleuno con reverencia culpable. Na portada, a foto dun home con sombreiro de ala ancha, bigote e anteface negro, o Coiote.

   Con aquela alfaia nas mans sentou enriba dun saco de carrolas e empezou a ler. Foi pasando as páxinas e, vaites! un billete de 25 pesetas agochado alí. Esfollou, foron aparecendo máis billetes de diferente valor, ata un de 500 pesetas que ela nunca vira, "o becerriño da Rubi", pensou.

   Amolada, devolveu o libro ao seu agocho. Non podía sacalo de alí. Estáballe prohibido. Aquel tesouro non era para ela. Ela o tesouro da súa avoa.

Moncha Prieto

Outubro 2025


DÍA DAS BIBLIOTECAS 2025

    Unha data importante para nós como colectivo é o DÍA  DAS  BIBLIOTECAS que se celebra o 24 de outubro. Para conmemorala organizaremos un xantar de confraternidade para todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación baixo o lema deste ano: "Contra a desinformación: bibliotecas" coa intención de destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas na loita contra a desinformación.

   Esta décimo primeira xuntanza celebrarase o sábado día 25 de outubro no Restaurante Berso (Sober) a partir das 14:00 horas. Quen desexe asistir poderá adquirir a súa entrada nas Bibliotecas Públicas Municipais ou Escolares do Colectivo a un prezo de 40 €.

    Ademais este ano contaremos coa colaboración literaria de Moncha Prieto, autora soberina do libro Alma de barro. Relatos da Ribeira Sacra que nos agasallará cun texto para conmemorar o Día das Bibliotecas.

   A súa colaboración súmase á doutros autores da comarca de Lemos que participaron en pasadas edicións como Dani Viéitez e Iria Iglesias, Olga Novo, Manuel Veiga, Lois DIéguez, Ramón Sandoval, Xabier Quiroga, Alicia Fernández, Flora Enríquez, Noa Moreira, Margarita R. Otero, Antón Lopo ou o Colectivo Erre que Erre. Regueifa Rabuda.

lunes, 20 de octubre de 2025

Día das Escritoras en Onda Cero Monforte

   Manola Porto entrevista ao seu programa Más de uno Monforte de Onda Cero á Moncha Prieto, escritora á que lle dedicamos o Día das Escritoras.

   Podedes escoitar a súa entrevista no seguinte enlace a partir do minuto 51:00