Para conmemorar o Día das Bibliotecas que se celebra o 24 de outubro; o noso colectivo volveu a organizar un xantar de confraternidade no que nos reunimos persoas de todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación da nosa comarca.
Esta décimo primeira xuntanza celebrouse no Concello de Sober baixo o lema proposto para este ano polo Ministerio de Cultura "Contra a desinformación: bibliotecas" que ten a intención de destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas na loita contra a desinformación.
Neste xantar unímonos mestres, bibliotecarios, librarías, editores, autores, xornalistas, responsables políticos... e, ademais de pasalo ben, este momento de convivencia e diálogo fixo que xurdiran novas ideas e iniciativas para seguir fomentando a lectura e as bibliotecas.
Ao rematar a comida, tomou a palabra Toño Vidal representante do Colectivo para dar grazas a todos os asistentes ao xantar. Especialmente a Manola Porto, xornalista de Onda Cero que sempre dá visibilidade ás nosas actividades e ás das bibliotecas da comarca, a Moncha Prieto por agasallarnos cun texto inédito e a Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, por acompañarnos e apoiarnos neste xantar.
A continuación, puidemos escoitar ao alcalde de Sober que puxo de manifesto a importancia que desde o Concello se lle dá á dinamización da cultura e ao papel da Biblioteca Pública Municipal e da biblioteca do colexio.
Ademais, como noutras ocasións, volvemos a editar un marcapáxinas para conmemorar o Día das Bibliotecas. Este ano o texto do marcapáxinas
"O tesouro da miña avoa" foi agasallo da escritora soberina
Moncha Prieto, autora do libro
Alma de Barro. Relatos da Ribeira Sacra. No xantar, puidemos escoitalo na voz de Leticia Sáez, compañeira de club de lectura da propia autora.
Despois foi Moncha Prieto a que compartiu con nós outro relato seu: "Libros, camelias e as rosas da avoa". Un relato autobiográfico que nos levou ás lembranzas da súa infancia e que podedes ler no seguinte enlace.
Para rematar, Mayte Gómez, autora do libro Mis dos «yos», tamén quixo compartir con nós un pequeno texto que escribiu para este día.
E para seguir loitando contra a desinformación, despois deste xantar publicamos o primeiro número do xornal Lemos Le Novas que se estrea coa seguinte nova: "Bibliotecarios, mestres, libreiros e outros axentes culturais reúnense en Sober para conmemorar o Día das Bibliotecas"
MOITAS GRAZAS A TODOS OS QUE NOS ACOMPAÑASTES NESTA XUNTANZA!!
FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS!!
GALERÍA DE IMAXES
No hay comentarios:
Publicar un comentario