jueves, 8 de diciembre de 2022

PARABÉNS !!


    Desde o Colectivo queremos felicitar a Antón Lopo que acaba de gañar a XII edición do certame de poesía Fiz Vergara Vilariño promovido pola Agrupación Cultural Ergueitas e o Concello de Sarria en lembranza do autor de Santalla de Lóuzara, Samos.

 NORABOA!!

 Reseñas  de  prensa:

El Progreso

Nós diario

Xornal de Lemos

lunes, 24 de octubre de 2022

DÍA DA BIBLIOTECA 2022

   Despois de dous anos de parón obrigado pola pandemia Covid, por fin puidemos retomar a xuntanza de confraternidade que o Colectivo organizaba polo Día da Biblioteca para fomentar a lectura e o importante papel das biblioteca. 


   Nesta oitava xuntanza, que celebramos no Concello de Monforte de Lemos, unímonos persoas de diferentes sectores relacionadas co mundo da cultura: mestres, bibliotecarios, librarías, editoras, responsables políticos... para compartir esta conmemoración.


   Como en edicións anteriores, este ano tamén tivemos a sorte de contar cun escritor da comarca que nos agasalla cun texto para conmemorar o Día da Biblioteca co que despois facemos un punto de lectura conmemorativo. Nesta ocasión o texto foi escrito por Antón Lopo, quen fala da importancia da súa relación coa Libraría Xistral, Saleta Goy e Manuel María. 
 

 

    Despois da cea Mónica (bibliotecaria de O Saviñao), foi a encargada de poñerlle voz ao texto.
 

       Para rematar, desde o colectivo queremos agradecer a presenza dos alcaldes e dos concelleiros de diferentes concellos da comarca que nos acompañaron recoñecendo a importancia da cultura, a difusión que diferentes medios de comunicación fixeron desta conmemoración e, por suposto, a Antón Lopo o seu texto. 
FELIZ  DÍA  DA  BIBLIOTECA!!!
 

 

  

ANTÓN LOPO: texto agasallo para o Colectivo LEMOS LE (Día da Biblioteca 2022)

 

      A primeira vez que entro en Xistral teño dez anos. Eu aínda leo a Enid Blyton, novelas de ciencia ficción de Clark Carrados e contos de fadas que me trae a miña curmá dos Xerifas, ademais de incursións ailladas na literatura para adultos, basicamente Anna Karenina de Tolstoy e Que o ceo a xulgue de Ben Ames Williams. Vou á Xistral porque o meu amigo Jorge Vila me di que abriron unha librería "fantástica e modernísima" nas galerías Fontecha e ningún dos dous queremos perdermos a experiencia.

       Nada máis chantarnos diante do escaparate da Xistral, quedamos fascinados. Era un espazo branco, como unha nave espacial do 2001 de Kubrick [acababámola de ver no cine]. Pero en vez de computadoras, había libros [nunca viramos tantos xuntos]. A partir dese día [desa visita ao espazo interestelar], non hai tarde que non pasemos por Xistral, sexa para mercar un lápiz ou escoitar falar a Saleta Goy e Manuel María de temas que se nos antollaban arraianos coa ilegalidade [de puro cósmicos]. A luz de Manuel acrecéntase cando me entero de que é o autor de Os soños na gaiola, o libro que me descubrira no galego o don da escrita [un cargueiro espacial flotando no universo]. Porque ao entrar en Xistral todos sentimos que podiamos ser astronautas.
 
Antón Lopo
Outubro 2022
 

martes, 18 de octubre de 2022

Día da biblioteca en Onda Cero Monforte

     No programa radiofónico de Onda Cero de hoxe Más de uno Monforte, o noso compañeiro Antonio Vidal que é mestre bibliotecario no IES Daviña Rey, achegouse ás instalación de Onda Cero Monforte para falar coa xornalista Manola Porto sobre a celebración do Día das Bibliotecas

 Podedes escoitar a súa entrevista no seguinte enlace a partir do minuto 1:04

MOITAS  GRAZAS A  ONDA  CERO  POR  FACERSE  ECO  DA  NOSA  CELEBRACIÓN!

viernes, 14 de octubre de 2022

DÍA DA BIBLIOTECA no Xornal de Lemos

     O Xornal de Lemos fíxose eco no seu portal dixital da celebración do Día das Bibliotecas e da colaboración do escritor Antón Lopo. Podedes ler a súa reseña no seguinte enlace.

Xornal de Lemos, 14/10/2022

   

jueves, 13 de octubre de 2022

DÍA DA BIBLIOTECA 2022


        Unha data importante para nós é o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro. Para conmemorala retomamos, despois de dous anos de paro obrigado pola Covid, a organización dunha cea de confraternidade para todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación coa intención de reivindicar a importancia do papel das Bibliotecas como difusoras de cultura, formadoras de lectores, lugar de encontro e centros de información e recursos.

Esta oitava xuntanza celebrarase este ano no Concello de Monforte de Lemos despois de percorrer xa todos os concellos da comarca.

Como novidade, despois da cea celebraremos un evento literario aberto a calquera persoa que desexe compartir con nós un texto propio de calquera xénero cun duración máxima de 3 minutos. A efectos de organización as persoas que queiran participar deberán apuntarse nas bibliotecas do colectivo.

A cea será o día 22 de outubro no Restaurante Bistró a partir das 21:00 horas, quen desexe asistir poderá recoller a súa entrada nas Bibliotecas Públicas Municipais de A Pobra de Brollón, Bóveda, Pantón, Saviñao e Sober ou nas bibliotecas escolares do colectivo, a un prezo de 35 €.

Ademais este ano contaremos coa colaboración literaria de Antón Lopo que nos agasallará cun texto para conmemorar o Día das Bibliotecas. A súa colaboración súmase á de outros autores da comarca de Lemos que participaron en pasadas edicións como Olga Novo, Manuel Veiga, Lois Diéguez, Ramón Sandoval, Xabier Quiroga, Alicia Fernández, Flora Enríquez, Noa Moreira e Margarita R. Otero.


viernes, 17 de junio de 2022

lunes, 16 de mayo de 2022

LETRAS GALEGAS 2022 - Florencio Delgado Gurriarán

   Desde o Colectivo Lemos Le, quixemos homenaxear a Florencio Manuel Delgado Gurriarán ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

 

   Para iso, elaboramos este vídeo no que poderemos descubrir varios datos sobre a súa biografía e ver os videopoemas elaborados por diferentes bibliotecas do colectivo.