miércoles, 30 de diciembre de 2015

FELIZ 2016


FELIZ 





PARA TODOS OS NOSOS LECTORES

domingo, 8 de noviembre de 2015

CELEBRADO O ROTEIRO LITERARIO POLO MONFORTE DE "MANUEL MARÍA"

 
          Ás 10:15 da mañá  do día 8 de novembro comezou un  roteiro literario adicado a
Manuel María e organizado pola asociación  O Colado do Vento en colaboración có noso colectivo.

    O roteiro baséase nos poemas do autor recollidos no seu libro : "Cancioneiro de Monforte de Lemos "e que foron lidos nos diferentes espazos urbanos monfortinos  aos que nos dirixiu con gran acerto  Xosé Rodríguez Martínez, historiador e perfecto coñecedor de Monforte e do seu poeta adoptivo, Manuel María.


    No remate deste roteiro , membros de O Trícole cantaron algúns dos seus poemas arredor da estatua do escritor na Praza Ponte Fontecha de Monforte de Lemos e fíxose tamén unha ofrenda  con rosas vermellas e brancas.


   
No enlace da seguinte fotografía, poderás acceder ao vídeo publicado por Radio Principal Cadena Ser Monforte no seu facebook:
https://www.facebook.com/Rafaradioprincipalsermonforte/videos/430771670446538/
   
    
A prensa fíxose eco desta noticia recollendo o momento no que un dos membros de O Trícole cantaba en solitario un dos poemas do autor.

El Progreso, 9-11-2015
    

No seguinte enlace, pódese acceder á información publicada polo xornal La Voz de Galicia en formato dixital

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2015/11/09/monforte-adianta-homenaxe/0003_201511L9C5991.htm

jueves, 29 de octubre de 2015

AMIGOS DEL LIBRO INFANTIL Y JUVENIL

    A páxina web da asociación Amigos del libro infantil y juvenil, reflectiu no seu apartado Eventos día de la biblioteca, a cea conmemorativa que celebrou o noso colectivo.

    Premendo na imaxe, accederás ao artigo publicado

http://www.amigosdelibro.com/eventos-dia-de-la-biblioteca/item/710-cea-conmemorativa-do-dia-das-bibliotecas-2015


lunes, 26 de octubre de 2015

CONMEMORACIÓN DÍA DA BIBLIOTECA: 2015


    
   Por terceiro ano o noso colectivo celebrou unha cea para conmemorar o Día da Biblioteca; na que nos reunimos arredor de 50 persoas.

 

   Para esta conmemoración editamos uns marcapáxinas co texto que Olga Novo nos adicou o ano pasado:


   Durante o acto fíxose entrega dos premios do II CERTAME MULLERES DE LEMOS: MARÍA CASTAÑA. UNHA MULLER PARA O 8 DE MARZO.

    A entrega de premios foi feita polas autoridades alí presentes: Ricardo Rodicio (Concello de A Pobra do Brollón),  Luis Fernández (Concello de Sober) e Marina Doutón (Concello de Monforte de Lemos)

    Os premios desta edición foron para:

- 1º Premio divulgación: Xurxo Ayán (ao non poder asistir ao acto, recolleu o premio o seu tío)
 
- 1º Premio Banda Deseñada: Sara Rodríguez Barrientos (IES Daviña Rey)

- Accésit Banda Deseñada: Víctor Domínguez Fernández (IES Daviña Rey)



   Ademais, puidemos visionar o conto María Castaña. Unha muller para o 8 de marzo, elaborado polo CIM a partir dos traballos feitos polos alumnos e alumnas dos centros de Educación Primaria da Comarca; con voz en off da xornalista Manola Porto.
    
    Tamén contamos nesta cea coa presenza de Xabier Quiroga, que nos agasallou coa lectura do seu texto: A miña biblioteca, a miña casa.

    Ao remate do acto foi presentada a III EDICIÓN DO CERTAME MULLERES DE LEMOS, adicado neste ano a Lola de Penelas, unha oleira da terra de Gundivós no concello de Sober.
    Para finalizar, desde o Colectivo queremos facer os seguintes agradecementos:
- Ao CIM pola súa colaboración no desenvolvemento dos obradoiros Mulleres de Lemos e o seu traballo para facer posible o visionado do conto de María Castaña durante a cea.

- Aos autores  Olga Novo e Xabier Quiroga polos sus textos.

- Ao xurado do Certame: Manola Porto, Humberto Loureiro e Ángel Arnaiz.

- Ás entidades colaboradoras: Librería Agrasar, Imprenta Fénix, Chuzos e o Consorcio de Turismo.

- Ás autoridades que nos acompañaron representando aos concellos participantes: Sober, Monforte, Saviñao, Bóveda e especialmente ao concello anfitrión A Pobra do Brollón ao que lle estamos moi agradecidos así como á súa Concelleira de eventos Mónica que tanto colaborou con nós na organización deste acto.

- Non queremos esquecer tampouco a Pilar Sampedro, Asesora de Bibliotecas Escolares de Galicia que nos honrou coa súa presenza e nos adicou unhas verbas animándonos a seguir con esta tarefa de divulgación e fomento da lectura.

sábado, 24 de octubre de 2015

II CERTAME MULLERES DE LEMOS: MARÍA CASTAÑA

La Voz de Galicia, 24 - 10 - 2015


Errata: non se celebra no Auditorio Gustavo Freire e non custa de 5 a 7 €

miércoles, 21 de octubre de 2015

MARÍA CASTAÑA NA PRENSA

    No seguinte enlace pódese ler o artigo que o xornal La Voz de Galicia publica hoxe (21-10-2015) sobre o II Certame de Divulgación Mulleres de Lemos adicado a María Castaña e a celebración do Día da Biblioteca.
 
 

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2015/10/21/verdadeira-historia-maria-castana-mito-nado-cereixa/0003_201510M21C4991.htm

viernes, 16 de octubre de 2015

CONVOCATORIA DE REUNIÓN: 19/11/2015

LUGAR: IES Daviña Rey

HORA: 20:30

ORDE DO DÍA:

1) Día da Biblioteca: pago dos marcapaxinas
3) Recomendacións letoras de Nadal
5) Rogos e preguntas

jueves, 15 de octubre de 2015

miércoles, 14 de octubre de 2015

XABIER QUIROGA: A MIÑA BIBLIOTECA, A MIÑA CASA




A miña biblioteca, miña casa.

Na casa de aldea onde nacemos meu irmao e mais eu non había libros. Moito menos biblioteca. Pero esa casa empezou a arder aos 19 días e, co apuro e para salvar o que importa, botáronnos por unha xanela, porque cos toxos secos que estraran meus tíos nas cortes xa se sabe, cando planta o lume neles non agarda a que saias pola porta.

A casa á que nos levaron, de quitado algún misal de atrasada realidade, tampouco tiña libros. Pero detrás do mesado de azulexo da cociña de labregos, alí, ao quente, meu irmao e mais eu escoitamos as primeiras historias que contaban vellos moi vellos que sabían o que sabe a idade das cousas que pasan. Mentres comían do que había e bebían viño novo, falaban de lobos e de aparecidos, de amores e de vinganzas, da vida e do que esta carreta. Non había libros, pero si a palabra.
Esa foi a segunda.

A terceira casa á que nos levaron, tan pouca cousa ela como a estreiteza dunha posguerra sen consolo, refuxiábase nun arrabaldo de vila que quería ser e non daba. Alí empezamos a correr polos carreiros e atallar polas carballeiras, a perdernos coas recuas de nenos e nenas enzoufados de lama que procuran sen desmaio o que ninguén perdeu. Pero a casa en si era un desastriño, non tiña de nada, así que tampouco ninguén agardaba que nela houbese libros.

Na cuarta casa á que nos levaron, feita de novo e coas maos da familia e o esforzo de moitos, miña nai quixo deixar, iso si, un estante baleiro, como para enchelo algún día de tarecos decorativos. Debo dicir que desde esa casa víanse, aínda se ven, as bretemosas terras de Lemos e a torre do seu castelo como aboiando no gris.

Pasou algún ano e, sendo eu rapazolo e no da Celia do Cubano, un ultramarinos vello que axiña deu en tenda e precedeu a un super que logo e se o deixasen seguramente acabaría de hiper ou centro comercial á americana, apareceu como por encanto un expositor deses de varillas metálicas que xiran desde un eixo vertical e que tiña algo que, como a chispa acende na palla seca, acendeu o meu maxín: libros. Novelas, mellor dito.

Así que alí, onde antes meu irmao e mais eu mercabamos os churruscos coas escasas pesetas que, sen saber como, lograba xuntar un cativo no peto, a vida deu un chouto e engaioloume.

Era eu rapaz inocente e indeciso e lembro que pasei moitas horas de varios días como pasmado diante dese expositor ao que lle daba voltas e máis voltas para escoller un único libro. O primeiro. E sería naquela desaparecida colección Reno de novelas baratas e autores tan descoñecidos que eu imaxinaba doutra galaxia onde descubrín o engado.

Nesa colección e nesa tenda que axiña pechou merquei eu o meu primeiro libro, certo. Pero logo de lelo, de devoralo, como o pirata que quere agochar o seu tesouro, coloqueino naquel estante da casa que miña nai deixara baleiro. Ese foi o primeiro. Logo virían máis, todos os que puidemos. E desde alí, vendo as terras de Lemos, meu irmao e mais eu lemos. Lemos mirando Lemos nesa nosa primeira biblioteca. E coa biblioteca que inciamos e que se iría enchendo aos poucos, a casa pareceu máis casa e o maxín puido voar sen remedio.

Logo virían viaxes cara a outros lugares, outras casas con outras xentes e outras bibliotecas con moitos libros, pero nese andel onde colocamos o primeiro libro, nesa casa onde lemos esa primeria novela e nesa cativa biblioteca que fomos completando como se completa un álbun de cromos na infancia, temos claro que aniña parte de nós.

Por iso agora, moitos anos despois, e aínda sabendo como sei que non é o lugar senón a persoa o que verdadeiramente importa, cando entro nunha biblioteca e me perdo co maxín nas páxinas de calquera libro, sei que estou na miña casa.


Xabier Quiroga   outono 2015



Agradecemos a Xabier Quiroga este texto
agasallo para o Colectivo Lemos Le no Día da Biblioteca - 2015

DÍA DA BIBLIOTECA 2015


Para conmemorar o Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro; organizamos por terceiro ano unha cea de confraternidade para todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación.

A cea celebrarase o día 24 de outubro no Restaurante As Viñas de A Pobra do Brollón, para asistir deberá recoller a súa entrada nas Bibliotecas Públicas Municipais de A Pobra do Brollón, Bóveda, Saviñao, Sober; no IES Daviña Rey ou no propio restaurante ata o día 23 de outubro incluído a un prezo de 20 €

Con este acto queremos reivindicar a importancia do papel das Bibliotecas como difusoras de cultura, formadoras de lectores, lugar de encontro e centros de información e recursos.

Durante a mesma farase entrega dos premios do II Certame de Divulgación Mulleres de Lemos: María Castaña correspondentes aos seguintes participantes:
  • 1º Premio divulgación: Xurxo Ayán
  • 1º Premio banda deseñada: Sara Rodríguez Barrientos (IES Daviña Rey)
  • Accésit categoría banda deseñada: Víctor Domínguez Fernández (IES Daviña Rey)

Tamén organizamos un Roteiro polas terras de María Castaña que se realizará o domingo día 25 pola mañá guiado de xeito altruísta polo historiador e gañador do certame Xurxo Ayán. A saída será ás 10:00 horas do cruce de Cereixa.

Ademais convocarase oficialmente a III Edición do Certame de Divulgación Mulleres de Lemos dedicada este ano á figura de Lola de Penelas: unha muller oleira.

Desde o colectivo queremos facer os seguintes agradecementos:
  • Ao CIM (Centro de Información á Muller) polo desenvolvemento dos obradoiros María Castaña: Unha muller para o 8 de marzo; e a tramitación da publicación do libro do mesmo título elaborado polos nenos dos centros da comarca.
  • A Xabier Quiroga, autor de O Saviñao que este ano nos agasallou cun texto para conmemorar o Día da Biblioteca.
  • A Xurxo Ayán que guiará o Roteiro polas terras de María Castaña
  • Ao xurado que desinteresadamente colaborou neste certame:  
    - Ángel Arnaiz González
    - Manola Porto Arias
    - Humberto Loureiro Argullós

viernes, 9 de octubre de 2015

CONVOCATORIA DE REUNIÓN: 14/10/2015

LUGAR: IES Daviña Rey

HORA: 20:30

ORDE DO DÍA:

1) Día da Biblioteca: aspectos organizativos
2) Exposición dos traballos premiados.
4) Nota de prensa: horarios, agradecementos, premiados...
5) Rogos e preguntas

miércoles, 30 de septiembre de 2015

CONVOCATORIA DE REUNIÓN 30/09/2015

LUGAR: IES Daviña Rey

HORA: 20:30

ORDE DO DÍA:

1) Premios II Certame Mulleres de Lemos.
2) Día da Biblioteca: menú, ruta, deseño do cartel, marcapáxinas e outros aspectos organizativos.
3) Exposición dos traballos premiados.
4) Nota de prensa
5) Rogos e preguntas

martes, 26 de mayo de 2015

ROTEIRO LITERARIO LOIS PEREIRO E EXPOSICIÓN: 17 OLLADAS ÁS LETRAS E TERRAS DE LEMOS

      O  martes 26 de maio foi o día adicado  a facer, coma todos os anos unha ruta literaria e gastronómica da man de Xosé Martínez.

     A ruta partiu da  Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro tras realizar a visita guiada á interesantísima  exposición 17 0lladas ás letras e terras de Lemos.


     A exposición permite facer un percorrido literario pola Terra de Lemos dende a época medieval ata a actualidade a través do achegamento a dezasete escritores e escritoras vinculados á comarca de Lemos pola temática dalgúns dos seus textos ou as máis das veces por aspectos biográficos.
 
     Deste modo a mostra permite achegarse a escritores da época medieval (Pero de Veer) dos Séculos Escuros (Bacharel Olea), do Rexurdimento (Manuel Yáñez González) e do século XX (Joaquín Arias Sanjurjo, Roberto Martínez Andrade, Antón Patiño Regueira, Maruxa Fernández, Manuel María, Lois Diéguez, Xosé Lois García, Lois Pereiro, Sabela Rodríguez Oxea, Xavier Quiroga e Olga Novo).
     Tamén se inclúen na exposición achegas a colectivos que recompilaron literatura popular como o caso dos Estraloxos de Vilar de Ortelle no Concello de Pantón ou o Trícole e O Colado do Vento no Concello de Sober.
     A mostra en definitiva permite achegarse á literatura galega vinculada á Terra de Lemos dende a idade media ata a actualidade e coñecer a dezasete figuras relacionadas con ela, pero ao mesmo tempo tamén ofrece unha ollada xeral á literatura galega dende a idade media ata a a actualidade e a algúns feitos históricos relevantes en Galicia tamén dende o período medieval ata a actualidade.
      Por outra parte o protagonismo da Terra de Lemos na exposición reflíctese nunha parte dos 33 paneis que a compoñen en que se fan olladas breves a aspectos xeográficos, históricos e patrimoniais dos seis concellos da comarca: Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, acompañadas de magníficas fotografías de Jesús Rodríguez Montero.
      Os escritores, escritoras e colectivos aos que se achega a exposición están vinculados, aos seis concellos da comarca.
     Os textos da mostra foron recompilados por X. Martinez quen agradece a colaboración do persoal da Área de Cultura do Concello de Monforte de Lemos, das Bibliotecas Muncipais dos concellos da Terra de Lemos e do colectivo Lemos Le.

     O colectivo das bibliotecas manifestou un gran interés polos documentos expostos, destacando a información e recompilación de material que aporta; e tentará levar a cabo un labor de difusión entre o alumnado e profesorado dos centros de ensino e   población en xeral.  

    Os participantes foron recorrendo lugares que marcaron as distintas etapas da vida do autor monfortino Lois Pereiro.


Rematouse a actividade coa visita a algún dos bares participantes no certame Cume Tapas


 Ao día seguinte  a  prensa fíxose eco da nosa actividade (recorte de El Progreso)


domingo, 17 de mayo de 2015

INTERCAMBIO DE LIBROS ENTRE PARTICULARES NO MERCADO

   Durante o Mercado das Letras e das Flores, que tivo lugar os días 16 e 17 de Maio; os particulares que trouxeron libros ás nosas bibliotecas, disfrutaron deste espazo para escoller os novos libros que ían a levar.

    O noso espazo estivo moi animado e nel, tanto nenos como adultos, puideron desfrutar dos libros.


miércoles, 13 de mayo de 2015

LOIS PEREIRO: EXPOSICIÓN E ROTEIRO LITERARIO

   Na Casa da Cultura de Monforte de Lemos por mor das letras galegas e do seu recente cambio de nome: Casa da Cultura poeta Lois Pereiro pódese visitar unha exposición sobre este autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Gelgas en 2011.

    Ademáis o martes día 26, celebrarase un roteiro literario polas rúas de Monforte co poeta Lois Pereiro como protagonista.


jueves, 26 de marzo de 2015

II CERTAME MULLERES DE LEMOS NO BOLETÍN INFORMATIVO

    O Boletín Informativo do curso actual,  curso 2014/15  nº 29 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria  do  II Certame  Mulleres de Lemos.

http://www.edu.xunta.es/web/node/14616

lunes, 16 de marzo de 2015

CONVOCATORIA DE REUNIÓN 23/03/15

LUGAR: IES Daviña Rey

HORA: 20:00

ORDE DO DÍA:
1) Maquetación dos traballos gañadores do I Certame Mulleres de Lemos para a súa edición.
2) Divulgación do II Certame Mulleres de Lemos.
3) Investigación sobre María Castaña: bibliografía, artigos e estudios publicados.
4) Rogos e preguntas.

sábado, 14 de marzo de 2015

XXIV PREMIOS IRMANDADE DO LIBRO

   Vimos de asisitir en Santiago de Compostela á entrega dos XXIV Premios Irmandade do Libro; aos que nos presentamos  na categoría Fomento da Lectura.

    Aínda que non conseguimos a distinción, viñemos moi animados e con máis folgos, se cabe, para seguir traballando polo fomento da lectura na nosa comarca.


miércoles, 11 de marzo de 2015

OBRADOIRO MULLERES DE LEMOS NA WEB DO CONCELLO DE MONFORTE

    O Concello de Monforte de Lemos publica na súa páxina web información referida ao obradoiro María Castaña. Podedes acceder a esta información premendo na imaxe do concello ou no enlace.

http://monfortedelemos.es/images/banner/BP009.jpg

lunes, 9 de marzo de 2015

CERTAME MARÍA CASTAÑA NA PRENSA

El Progreso, 7 - 03 - 2015
En Común, 1ª Quincena Marzo 2015

domingo, 8 de marzo de 2015

BASES DO II CERTAME MULLERES DE LEMOS

II Certame de Divulgación Mulleres de Lemos

      O Colectivo Lemos Le convoca a segunda edición do Certame de Divulgación Mulleres de

Lemos coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes ha historia

das Terras de Lemos.

     Cada ano escollerase a figura dunha muller que fora relevante na historia das Terras de

Lemos, que nacera, vivira ou morrera na comarca, ou cuxa vida estivera moi relacionada con

ela.

Intentarase que cada convocatoria sexa dedicada a unha muller dunha localidade diferente.

    Este certame rexerase polas seguintes bases:

Primeira.- O certame deste ano versará sobre a figura de María Castaña.

Segunda.- Establécense 2 modalidades:

a. Banda deseñada para participantes de 12 a 18 anos, e

b. Traballo de divulgación en calquera xénero literario para participantes a partir de 18 anos.

Terceira.- Poderá concorrer a este certame calquera persoa que presente o seu traballo en

lingua galega. Só se poderá presentar un traballo por persoa.

Cuarta.- Os traballos presentados ademais de seren inéditos e totalmente orixinais, non

poderán ter sido publicados ou divulgados en todo ou en parte por calquera medio físico ou

electrónico. Os traballos presentados deberán aterse á

a. extensión mínima de 2 páxinas e máxima de 4 páxinas para Banda deseñada e en branco e

negro

b. extensión mínima de 10 páxinas e máxima de 25 páxinas para Traballo de divulgación,  en

tamaño de folio DIN A4 mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra

12.

Quinta.- Cada un dos traballos presentarase nunha copia en papel e nunha copia en formato

dixital (tiff, jpg, doc ou pdf). Non se admitirán manuscritos do Traballo de divulgación.

Sexta.- O prazo de presentación rematará o 30 de maio. Os traballos serán presentados en

calquera biblioteca municipal ou escolar dos centros educativos da comarca de Lemos

integrados no colectivo Lemos Le, convocantes do certame (Bibliotecas Municipais de: Bóveda,

Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Sober; Bibliotecas Escolares dos centros A

Gándara, Colexio Novo e Colexio Infanta Elena de Monforte de Lemos, Virxe do Carme de

Sober, CEIP A Pobra do Brollón, Monte Baliño de Ferreira de Pantón; e biblioteca do IES Daviña

Rey de Monforte de Lemos).

Sétima.- Os traballos presentaranse nun sobre pechado, identificados por un lema ou título e

asinados cun pseudónimo. Noutro sobre en cuxo exterior figure o pseudónimo, incluirase unha

folla co nome, apelidos e NIF, os enderezos postal e electrónico e os teléfonos de contacto da

persoa autora do traballo de xeito que lle facilite á organización pórse en contacto con ela. As

persoas menores de idade deberán achegar a autorización dunha persoa maior de idade que

exerza como representante legal (ANEXO I).

No caso de remitirse as obras por correo postal a calquera das bibliotecas indicadas na base

sexta, indicarase no sobre claramente “para participar no Certame de Divulgación Mulleres de

Lemos”.

Oitava.- O xurado estará formado por 3 persoas entendidas na materia. O premio único

outorgarase por maioría simple de votos. Actuará como secretario/a do xurado con voz pero

sen voto unha persoa designada polo colectivo Lemos Le.

Novena.- Calquera incidencia ocasionada pola interpretación destas bases será solucionada

pola maioría simple dos membros do xurado. A decisión do xurado, que será inapelable,

darase a coñecer ó longo dos meses de xuño ou xullo.

Décima.- Concederase un único premio en cada categoría, segundo o criterio do Xurado. O

xurado poderá declarar deserta algunha das categorías ou nomear un accésit por categoría se

a calidade dos traballos presentados fai que así o estime oportuno.

Os premios consistirán en: diploma, 1 lote de libros, cea para dúas persoas e 1 lote de

produtos da Ribeira Sacra.

Undécima.- A entrega do premio terá lugar nun acto público que se celebrará o 24 de outubro,

Día das Bibliotecas.

Duodécima.- As obras gañadoras quedarán en propiedade do Colectivo Lemos Le. Os orixinais

non premiados poderanse recuperar con cargo ás persoas autoras concorrentes, pasados 15

días da data de entrega de premios. Os orixinais que non fosen retirados neste prazo

destruiranse.

Decimoterceira.- O Colectivo Lemos Le ten a potestade de publicar unha antoloxía coas

mellores obras presentadas ó concurso, para o cal, cada participante polo mero feito de se

presentar, concede autorización tácita ó colectivo para a publicación do seu orixinal.

Decimocuarta.- A participación neste certame supón a completa aceptación das presentes

bases e máis das decisións do xurado que se designe.

Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2015

ANEXO I

Autorización de participación para menores de idade

Don/a___________________________________con DNI núm. ________________, como

representante legal de ____________________________________, menor de idade, doulle a

miña autorización para presentarse ó Certame de Divulgación Mulleres de

Lemos.__________________, ____ de ___________________ de 2015

Don/a___________________________________con DNI núm. ________________, como

representante legal de ____________________________________, menor de idade, doulle a

miña autorización ao Colectivo Lemos Le a reproducir e distribuír as imaxes do meu fillo/a

derivadas da súa intervención nas actividades arriba mencionadas, en calquera dos formatos

existentes, tanto clásicos (prensa, televisión, vídeo, DVD, etc.) como relacionados cos novos

medios informáticos de redes de telecomunicación (páxinas de internet e blogs)

viernes, 6 de marzo de 2015

II CERTAME MULLERES DE LEMOS: MARÍA CASTAÑA


Para conmemorar o Día da Muller que se celebra o 8 de marzo; organiza por segundo ano o Certame Mulleres de Lemos coa finalidade de dar a coñecer e promover as figuras femininas relevantes na historia das Terras de Lemos.
 
O Certame deste ano estará dedicado a María Castaña como líder da revolta medieval que se produciu en Cereixa (A Pobra de Brollón) para protestar polos impostos que demandaba a Igrexa aos campesiños.

As actividades que levaremos a cabo serán as seguintes:

-      O obradoiro “María Castaña. Unha muller para o 8 de marzo” nos centros educativos públicos e concertados da nosa comarca. Esta actividade desenvolverase en colaboración co CIM (Centro de Información á Muller) de Monforte de Lemos e constará por unha banda, nun traballo de reflexión sobre a vida das mulleres no século XIV: os roles que tiñan e a falta de dereitos que padecían simplemente por ser mulleres e, por outra banda, na elaboración dun libro que plasme en imaxes esta reflexión a través da vida de María Castaña.

   Premendo na seguinte imaxe podedes acceder á presentación elaborada polo CIM para este obradoiro
https://drive.google.com/file/d/0B1dZpvoiedBadzh1XzQwaU5PYnM/view
-      II Certame Mulleres de Lemos modalidade Banda Deseñada. Para a poboación de Secundaria e Bacharelato (de 12 a 18 anos) na que os participantes terán que elaborar un traballo artístico e creativo en branco e negro que plasme a historia de María Castaña (extensión de 2 a 4 páxinas).

-      II Certame Mulleres de Lemos modalidade Divulgación. Esta modalidade está destinada a maiores de 18 anos que en calquera xénero literario presenten un traballo sobre a protagonista do certame (extensión de 10 a 25 páxinas a dobre espazo, tamaño de letra 12).